Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

As Amas de Casa de Cedeira recrean unha antiga vivenda para dar a coñecer os seus traballos artesanais

AS AMAS DE CASA DE CEDEIRA RECREAN UNHA ANTIGA VIVENDA PARA DAR A COÑECER OS SEUS TRABALLOS ARTESANAIS

O Palacete municipal de Cedeira acolle estes días a última exposición das Amas de Casa, unha mostra na que se están a exhibir os traballos e manualidades realizadas polas socias da entidade ao longo do pasado curso.

Colchas, edredóns, panos, manteis son só algunhas das moitas pezas confeccionadas a man que ata o día 15 do próximo mes estarán expostas ao público en horario de mañás e tarde, de luns a venres de 9.00 a 14.30 e de 15.30 a 21.00 horas e os sábados de 10.00 a 14.00 horas. En todos os traballos, xa sexan grandes ou pequenos, ponse de manifesto o elevado nivel de profesionalidade e o exquisito gusto das persoas que os levaron a cabo. Os hai feitos de calceta, de gancho, de bordado e mesmo de patchword, entre outros.

A iniciativa das Amas de Casa de exhibir os labores recreando unha antiga vivenda fai aínda máis atractiva e orixinal a mostra, na que tamén se poden mercar algúns dos traballos alí expostos. Uns medallóns feitos a man están a ter moito éxito entre as persoas que desde o pasado xoves xa pasaron polo Palacete. Muebles García tamén colaborou coa cesión dunha parte do mobiliario. Algunhas das pezas tamén foron achegadas polas propias socias dunha entidade que reúne a case 70 persoas e que está a presidir Ángeles Villar Fraguela.

Cara ao próximo curso, a Asociación de Amas de Casa de Cedeira xa ten organizado o programa de actividades, de maneira que o luns haberá calceta e baile, os martes costura e manualidades, os mércores bordado e baile, os xoves encaixe, gancho e punto e os venres patchword. As clases son todos os días de catro a sete da tarde. As persoas interesadas en participar poden chamar aos números de teléfono 649 703 998 ou 636 787 265.

O Lugnasad de Cedeira comeza hoxe coa lectura do pregón e a “Noite dos Druídas”

O LUGNASAD DE CEDEIRA COMEZA HOXE COA LECTURA DO PREGÓN E A “NOITE DOS DRUÍDAS”

Un ano máis a vila de Cedeira está a revivir o seu pasado coa celebración do Lugnasad, unha festa de orixe castrexa e na que este sábado casarán arredor de trinta parellas de noivos de Galicia, España, Francia e Colombia.

A programación arrincará hoxe venres coa lectura do pregón, a cargo da parella formada por Germán e Peggi, e a actuación de Antonio Rodríguez Bustabad, profesor da Escola de Música Vila de Cedeira, para despois continuar, ás once da noite, coa “Noite dos Druídas” e a actuación do grupo Airoa.

O calendario de actos do sábado dará comezo ás 12.00 horas co desfile dos protagonistas desde o poboado da Madalena ata a Casa do Concello, onde van ser recibidos polos responsables municipais. A presentación oficial será ás 13.00 horas na praza Roxa.

Xa pola tarde, a partir das 17.00 horas, haberá xogos populares para nenos (a busca do grial e o home do saco), e actividades para os maiores (lanzamento do tronco, óso ao caldeiro e tiro de corda). A actuación do grupo Asoaxe está prevista para as 20.00 horas.

A celebración das vodas celtas será ás 23.30 horas e, a continuación, dará comezo a cea dos noivos. A cerimonia é gratuíta pero para asistir á cea é necesario facer a reserva na oficina de turismo (Palacete municipal). A festa concluirá pasadas as doce da noite coa actuación do grupo Farrapo de Ghaita.

Desde a organización, que corre a cargo da Asociación de Amigos de Lugnasad, pídese tanto aos participantes como aos visitantes que eviten o uso de aparatos eléctricos e de música “enlatada” para crear un ambiente propicio cara á celebración da festa. Polo contrario, anímase ao uso de fachos e velas como parte da recreación do escenario no que se convertirá a vila de Cedeira durante os dous próximos días.

O Concello organiza unha charla sobre a química e a conservación de pinturas ao óleo

O CONCELLO ORGANIZA UNHA CHARLA SOBRE A QUÍMICA E A CONSERVACIÓN DE PINTURAS AO ÓLEO

O Concello de Cedeira organiza para este xoves, día 23, unha charla na sala Áncora sobre a química e a conservación de pinturas ao óleo.

A conferencia, prevista para as oito da tarde, correrá a cargo de José Antonio Rodríguez Cheda, profesor emérito de Química-Física na Facultade de Ciencias Químicas da Universidad Complutense de Madrid.

O poñente falará do proceso de deterioración ao que están expostos obras realizadas polos grandes mestres da pintura universal como consecuencia do uso de xabóns de plomo, entre outros metais, para a elaboracion dos cadros. Unha breve introdución á pintura ao óleo, unha explicación do problema ao que están expostas moitas obras e algúns exemplos de traballos de conservación e restauración realizados son os principais contidos dunha charla sobre pigmentos, aceites e xabóns metálicos.