Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA LICITA POR MÁIS DE 77.000€ A MELLORA DE DOUS CAMIÑOS MUNICIPAIS DE RÉGOA

O Concello de Cedeira publicou na Plataforma de Contratación do Sector Público o expediente de licitación dunhas obras de mellora da capa de rodadura de dous camiños de titularidade municipal, o que vai de Meizoso a Biduido e o ramal que conecta Meizoso coa DP2205, na parroquia de Régoa. A actuación está orzamentada en 77.646,57€ (IVE incluído) e o goberno municipal vai financiala cos fondos procedentes da Agader (64.170,72€) e tamén con recursos municipais.

O camiño de Meizoso a Biduido percorre 2,9 quilómetros e o seu ancho vai dos 3 aos 3,5 metros, mentres que o ramal de Meizoso ata a estrada provincial ten 700 metros de lonxitude e un ancho de tres metros. Ambos os dous presentan un importante grao de deterioración e cómpre abordar a súa mellora.

A actuación vai consistir na limpeza e perfilado dos foxos, así como nunha escavación na zona de mordentes á saída de Meizoso en dirección a Biduido, na marxe dereita, para corrixilos, e tamén na construción dunha gabia de formigón nunha zona da Condocia para canalizar un efluente que corre ao lado do camiño. Despois farase o recheo de fochancas e finalmente un doble tratamento superficial para darlles aos camiños unhas condicións máis acordes ao tráfico que soportan.

O prazo de presentación de ofertas, para as empresas interesadas, está aberto ata o vindeiro 9 de agosto. Unha vez adxudicados os traballos, o prazo de execución será dun mes.