Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A XUNTA LOCAL DA AECC PROMOVE A TERCEIRA EDICIÓN DA ANDAINA SOLIDARIA “CEDEIRA MARCHA CONTRA O CANCRO”

A Xunta Local da Asociación Española contra o Cancro (AECC) organiza para o vindeiro 7 de xullo a terceira edición da andaina solidaria “Cedeira marcha contra o cancro”, un evento para sensibilizar e para contribuír á investigación desta enfermidade. Será un paseo sinxelo, cun itinerario circular e ao alcance de persoas de todas as idades. A saída tomarase na praza Roxa ás 11.00 e a marcha enfilará polo paseo marítimo o seu percorrido, que irá por O Beco, A Area, Xunqueira o paseo fluvial e a Ponte Nova para voltar ao punto de partida.

As inscricións poden facerse online –https://www.rockthesport.com/es/evento/cedeira-en-marcha-contra-o-cancro-2024- ou ben de forma presencial nos establecementos habilitados –Regalos Rosa e Oficina de Turismo- ou ben o mesmo día da marcha, antes da saída, na carpa da organización. O dorsal custa 3€ para nenos e nenas ata 12 anos e 5€ para o resto. Tamén é posible, se se quere colaborar pero non se vai participar na andaina, facer unha aportación a través da web.

A carpa da organización vai estar ese día desde as nove da mañá na praza Roxa, recollendo inscricións e tamén vendendo diferente merchandising. Cando se aproxime a hora da saída desenvolverase un quecemento con exercicios de zumba ao que poderán sumarse as persoas presentes.

A presidenta da Xunta Local da AECC, Teresa Beceiro, subliña que esta é unha actividade de carácter lúdico “coa que queremos transmitir esperanza”, na que adoitan participar veciños e veciñas e tamén moitos veraneantes. Unhas 400 persoas participaron na edición anterior, a de 2023, e a entidade agarda repetir nesta terceira edición. Xa en agosto, unha vez pasadas as festas, a asociación promoverá unha nova edición da cadea humana, unha actividade que organiza anualmente desde hai sete anos, cando naceu a Xunta Local, e que consiste en unir á xente arredor das súas marxes do Condomiñas, pola Ponte Nova e a de Ezequiel López.

O Concello de Cedeira apoia un ano máis a marcha contra o cancro, outra actividade coa que se dá visibilidade á enfermidade ao tempo que se promocionan o exercicio físico e os hábitos saudables. Cómpre recordar que Cedeira é un dos tres municipios da provincia da Coruña nos que a AECC ten posto en marcha de maneira experimental un dos seus Clubs de Saúde.