Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

ABERTO ATA O DÍA 19 O PRAZO DE SOLICITUDE PARA O CAMPAMENTO DE VERÁN DO CONCELLO DE CEDEIRA

O Concello de Cedeira organiza un ano máis o Campamento de Verán, un programa esencial para que moitas familias poidan conciliar a vida laboral coas vacacións escolares dos pequenos e pequenas da casa. Haberá 50 prazas para menores nados entre 2012 e 2020, ambos incluídos, e o prazo de solicitude está aberto ata o vindeiro 19 de xuño, segundo as bases que están colgadas desde onte no taboleiro de anuncios da sede dixital, e pode realizarse en liña ou ben presencialmente no Rexistro Municipal.

O campamento desenvolverase, ao igual que en anos anteriores, nas instalacións do CEIP Nicolás do Río, de luns a venres, en horario de 09.00 a 14.00 horas, agás festivos, desde o 3 de xullo ata o 30 de agosto. Os menores poden inscribirse para unha quincena, un mes ou para os dous meses, e o prezo, respectivamente, é de 40, 60 e 100€.

Darase preferencia os nenos e nenas empadroadas en Cedeira e aqueles cuxos proxenitores traballen no municipio. Terase en conta tamén que ambos proxenitores –ou o que estea a cargo do menor en caso de familias monoparentais- acrediten unha relación laboral vixente en horario de mañá ou ben que están realizando algunha formación. Reservaranse 5 prazas para menores cunha discapacidade igual ou superior ao 33%.

Haberá sempre un mínimo de catro monitores e monitoras, que promoverán as actividades lúdicas adaptadas para as diferentes idades. O xogo será o elemento primordial ao longo do programa, no que haberá xornadas con inchables, deslizadores de auga, lasertag, karaoke, labirintos, gimkanas, obradoiros e unha gran variedade de propostas.

DESCARGAR PDF Bases de selección do campamento urbano de verán 2024 do Concello de Cedeira