Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA LICITA A SUBMINISTRACIÓN DUN PUNTO LIMPO ITINERANTE PARA A RECOLLIDA DE RESIDUOS

O Concello de Cedeira acaba de publicar o expediente de contratación da subministración dun punto limpo móvil para a xestión de residuos, un equipamento que ten un orzamento de partida de 25.410€ (IVE incluído) e que será financiado en gran parte cunha axuda de 19.350€ tramitada diante da Consellería de Medio Ambiente. A administración local dotarase, a través deste procedemento, dun remolque que se poderá acoplar a algún dos vehículos de titularidade municipal, no que irá instalado o punto limpo, con bocas laterais polas que a veciñanza poderá depositar os diferentes residuos.

O obxectivo do Concello de Cedeira é seguir avanzando na mellora da recollida separada dos residuos. Xa existe un punto limpo no polígono da Xunqueira, ao que se poden levar enseres os mércores de 16.00 a 20.00 e os sábados de 10.00 a 14.00h, porén este novo servizo será itinerante e facilitará o depósito á veciñanza das diferentes parroquias. Unha vez que estea en funcionamento, o Concello anunciará cando e donde estará estacionado o remolque, que especialmente habilitado para recoller restos de pintura ou disolventes, tubos fluorescentes e outros residuos con mercurio, baterías e acumuladores, equipos eléctricos e outros materiais, a través das 14 bocas situadas nos seus laterais.

Cómpre recordar que tamén dispón Cedeira de recollida separada de envases lixeiros, papel-cartón e vidro, así como dun servizo de recollidas periódicas de residuos voluminosos porta a porta e colectores de roupa e de aceite de cociña usado. Desde a Concellería de Medio Ambiente do Concello de Cedeira destacan que este é un novo equipamento que representa un chanzo máis na loita contra o depósito incontrolado de lixo nos espazos naturais do municipio e recordan que todos e todas temos que tomar conciencia da importancia de coidar a natureza, entre outras cousas a través do depósito dos refugallos no lugar que corresponde.

O concurso para a compra deste novo equipamento convocase polo procedemento aberto simplificado e as empresas interesadas teñen ata o 7 de xuño para a presentación de ofertas. O expediente de licitación está publicado na Plataforma de Contratación do Sector Público.