Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CONTRATADAS AS OBRAS DE MELLORA DO FIRME E A REDE DE SANEAMENTO DAS RÚAS VIVEIRO E CERDIDO

O Concello de Cedeira adxudicou, por un prezo de 41.588,62€, a execución do proxecto de mellora do firme e da rede de pluviais das rúas Viveiro e Cerdido, no casco urbano. Trátase dunha nova actuación encamiñada a avanzar na implantación da rede separativa de saneamento no municipio, coa que se reducen custos e aumenta a eficiencia do tratamento de augas residuais nas depuradoras. O prazo das obras é de dous meses.

A rúa Viveiro, paralela a Amor Hermoso, conta actualmente cunha rede unitaria de saneamento. A actuación abrangue todo este vial e tamén parte da transversal Cerdido. As obras consistirán na anulación dos sumideiros existentes e na instalación de 257 metros dunha nova rede de recollida de augas pluviais, á que tamén estarán conectadas as baixantes dos edificios, así como dunha nova rede de residuais con 13 pozos de rexistro e dous colectores. O remate dos traballos incluirá a reposición do firme en todo o ámbito de actuación.

A obra conta con financiamento do Plan Complementario da Deputación da Coruña.