Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CENTRO DE OCIO XUVENIL OFRECE ESTE MES DE XULLO UN OBRADOIRO DE PINTURA E OUTRO DE PILOTAXE DE DRONS

O Centro de Ocio Xuvenil de Cedeira comeza a programación do verán con dous obradoiros gratuítos. O primeiro, de pintura figurativa e abstracta, se realizará os días 11 e 13 de xullo, e o de dron, o 19 e 20, ambos en horario de 11.30 a 13.30 horas. As actividades están destinadas a mozos e mozas de entre 12 e 18 anos. A de pintura estará impartida pola artista Sofía Piñeiro, quen mestura a arte figurativa e abstracta nas súas obras.

No curso daranse unhas pequenas nocións teóricas e realizaranse unha ou varias obras de creación libre, buscando dotar á rapazada de ferramentas coas que combater o bloqueo artístico e explorando diferentes posibilidades creativas.

O curso de dron estará impartido pola empresa Espazo Vivo. Neste vanse a realizar actividades de pilotaxe de drons terrestres e aéreos, con exercicios de iniciación, perfeccionamento e carreiras finais. Dependendo da climatoloxía, o lugar de realización da actividade será en exterior ou no polideportivo do IES Punta Candieira.

As prazas son limitadas. Para inscribirse é posible facelo a través do correo electrónico: coxcedeira@gmail.com, ou a través do Instagram do Centro de Ocio: @centro_ocio_xuvenil_cedeira.

Outras actividades

O Centro de Ocio ofrecerá dous cursos mensuais durante a tempada estival, en liña co ano pasado, apostando por actividades novidosas e atractivas para a mocidade. Ademais, estrea o verán cunha apertura extraordinaria en horario nocturno, de 20 a 23 horas. Será hoxe, venres 7 de xullo, e haberá outra co mesmo horario o vindeiro 4 de agosto.