O CONCELLO LEMBRA QUE É OBRIGATORIA A LIMPEZA DOS PREDIOS POR PARTE DOS PROPIETARIOS DE FINCAS URBANAS

O goberno municipal de Cedeira solicita a colaboración e chama á responsabilidade dos propietarios de fincas situadas no casco urbano para manter os predios libres de residuos e maleza tal e como se recolle no regulamento municipal de limpeza.

Os responsables municipais apuntan que “o cumprimento desta obriga é especialmente necesario na época estival por motivos de saúde ambiental” e aseguran que “co incremento das temperaturas, do tránsito de persoas e da xeración de residuos é máis fácil a proliferación de todo tipo de pragas como insectos ou roedores”.

Recordan así mesmo que o incumprimento do devandito Regulamento leva aparelladas sancións e multas ás que se poden enfrontar as persoas titulares dos inmobles por non mantelos en condicións de hixiene, salubridade e seguridade adecuados.

O Concello considera que “entre todas e todos podemos evitar as molestas pragas e mellorar a limpeza, a calidade ambiental e a imaxe do noso concello”.