Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MUSEO MARES E ARCE COLABORARON NUNHA LIMPEZA DUN TRAMO DO CURSO DO RÍO CONDOMIÑAS

Voluntariado da asociación do Museo Mares e de Amigos dos Ríos de Cedeira colaborou o pasado sábado nunha limpeza do Condomiñas no tramo do seu curso inmediatamente anterior á ponte da Acea. Os organizadores desta nova xornada de limpeza recolleron fundamentalmente plásticos, o residuo máis frecuente nesta zona do río.
Xunto co agradecemento ás persoas que participaron, Camilo Casal pediu en nome das asociacións promotoras unha maior concienciación da cidadanía. Chamou a atención sobre o feito de que os plásticos que tiramos na rúa van rematar moi probablemente nos ríos ou no mar e que se trata dun material que se degrada moi lentamente, polo que poden estar no medio un cento de anos. ARCE e Museo Mares teñen previsto organizar limpezas mensuais durante o verán.

Desde o goberno local de Cedeira felicitan ás persoas voluntarias que acudiron á convocatoria así como ás entidades organizadoras, coas que colabora o Concello para impulsar este tipo de iniciativas, e subliñan tamén a importancia de concienciarnos todos e todas sobre o importante que é coidar o medio ambiente e facer unha xestión axeitada dos residuos.