escudoSegundo consta nun manuscrito do Conde de Lemos con data do século XVI, Sir Lanzarote de Lago, o máis grande dos cabaleiros do Rei Arturo, tería desembarcado no peirao de Cedeira procedente de Bretaña e fuxindo do amor que profesaba pola raíña Xinebra. Un manuscrito que a vila nos desvela a través dun enorme mural de cerámica ubicado xunto á casa consistorial e que co-preside con esta unha agradable praciña na que destaca un enorme laranxo centenario.piedra

Lenda ou non, paseando polo casco histórico de Cedeira non sería difícil imaxinarse ao nobre cabaleiro.E é que o rueiro da zona antiga foi debuxado e levantado no Medievo sen que, a día de hoxe, se modificasen os itinerarios orixinais. O que nun principio foi o núcleo da vila configúrase a base de estreitas e empinadas rúas, con pequenas vivendas a maioría con galerías e balcóns de madeira e forxa. Sobre as súas fachadas aínda lucen escudos nobiliarios en pedra que identifican aos seus antigos moradores. Familias como os Andrade, Montenegro, Pardo… Daquela época consérvanse tamén algúns arcos de pedra característicos nos inmobles por aquel entón e que, reformas posteriores, ocultaron ou destruíron. E daqueles anos data igualmente a estatua xacente de Alonso Piñeyro, acompañada de frontal blasonado, que pode visitarse na igrexa parroquial adicada a Nosa Señora do Mar.

cruzDecididos a perdernos por esas angostas rúas podemos descubrir os restos da primixenia muralla defensiva que rodeaba o casco histórico e á que se accedía a través de catro portas ou portais. Hoxe en día, a entrada a este espazo cheo de historia ten que facerse a través da ponte vella, un monumento histórico en si mesmo construído sobre tres arcos de pedra que salvan o río Condomiñas. O mesmo no que se reflicten as siluetas dun bo número de edificios singulares levantados na súa marxe dereita. Edificios cun encanto especial que emana, moi especialmente, das súas fermosas galerías acristaladas. Miradoiros privilexiados á ría. Todos eles nos acompañan no paseo que une a ponte vella e a nova e nos permiten, grazas aos cafés e negocios de restauración que acollen os seus baixos, gozar de agradables conversas coa ría como telón de fondo. Durante o día e, moi especialmente, nas noites do verán.

Chegados á ponte nova, podemos aquí iniciar unha nova etapa no camiño. Neste caso, gozaremos de fermosos xardíns con vistas á praia principal, a da Magdalena. Alcanzaremos a antiga Casa do Mar e saudaremos á Muller Mariñeira ou Peixeira. Dende a impresionante pena que lle sirve de pedestal, indicarános co seu dedo pétreo o camiño cara o peirao. Chegaremos primeiro á antiga lonxa, epicentro noutro día da venda do peixe chegado ao peirao. Bordearemos a praia portuaria da Area Longa para gozar da visión de centos de pequenas embarcacións que esperan ao mariñeiro. Divisaremos o Castelo da Concepción e imaxinaremos os milleiros de noites de vixía, as batallas libradas no seu entorno, os segredos das súas estancias. E, como punto final, o porto pesqueiro. O aroma a salitre. As grandes embarcacións. A rula e a súa actividade frenética con constantes descargas e subastas aceleradas. Un auténtico espectáculo.