Volve o programa das xeorutas coas primeiras saídas previstas para a próxima fin de semana
VOLVE O PROGRAMA DAS XEORUTAS COAS PRIMEIRAS SAÍDAS PREVISTAS PARA
A PRÓXIMA FIN DE SEMANA
Despois do éxito alcanzado na súa primeira edición -cabe recordar que só no mes de xullo participaron 170 persoas- o Concello de Cedeira volve poñer en marcha este verán o programa de xeorutas, unha iniciativa da Concellería de Cultura e Turismo e subvencionada ao 70% polo Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro (Galp), a Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. Trátase do proxecto “Entre Arcos e Cantís” no que ademais de Cedeira, tamén participan os concellos de Ribadeo e Burela.
A principal novidade que presenta este ano a actividade con respecto á do primeiro exercicio pasa por ampliar a catro as tres rutas iniciais. Así, ás que xa se ofertaron o verán pasado- Praias Negras, dos Cantís e do Cromo- engádese unha nova, a xeoruta do Granate, que se deu a coñecer en Semana Santa coas primeiras saídas. Esta nova experiencia discorre por un pequeno sendeiro que vai desde o santuario de San Andrés ata a enseada de Cortes. A distancia é de cinco quiló- metros e a dificultade alta.
O programa arrinca esta fin de semana e estará operativo ata os primeiros dias do mes de setembro. No verán do 2016 leváronse a cabo un total de 33 saídas.
A concelleira de Cultura e Turismo, María Xosé Rodríguez Pérez, sinalou que as rutas xeológicas de Cedeira son actividades de balde que “pretenden dar a coñecer o salientable patrimonio xeolóxico do concello” e recordou que para participar hai inscrición previa que se pode realizar a través dos formularios dispoñibles no blog rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com.es ou na web do Concello (www.cedeira.gal). Tamén se pode facer de maneira presencial na oficina de turismo, situada na avenida Castelao (Palacete), teléfono 981 482 187. O número de participantes é de vinte nas rutas dos Cantís e do Cromo e de 15 nas dúas restantes. O prazo de incrición comezará 15 días antes de cada xeoruta.