Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Velutina, incendios e temporais copan o labor de Protección Civil

VELUTINA, INCENDIOS E TEMPORAIS COPAN O LABOR DE PROTECCIÓN CIVIL

A agrupación de voluntarios constitúe unha peza crave para a atención de urxencias no municipio.

A eliminación de niños de Vespa velutina nigrithorax copou, desde o mes de setembro, boa parte da actividade da agrupación de Protección Civil de Cedeira, que en todo o ano 2016 efectuou 115 operativos. A retirada de árbores, antenas ou postes derrubados pola choiva e o vento, nas distintos temporais do pasado exercicio, tamén ocupou varios días aos voluntarios, igual que a extinción de incendios en vivendas, leiras, colectores, un transformador eléctrico e incluso a cuberta dun iate, ou a limpeza de verteduras en vías públicas. O papel dos voluntarios resulta clave na atención de urxencias no municipio cedeirense.

O equipo coordinado por Alberto Díaz interveu en accidentes de tráfico, a procura de persoas desaparecidas, o traslado de feridos ou o rescate dun gato, atrapado nun balcón durante dous días. Tanto o Concello como as comisións de festas e outras entidades organizadoras recorreron ao grupo de voluntarios para controlar diversas citas, desde a Patroa ata o Lugnasad, o Samaín, os xogos populares, os lumes de festexos, a procesión marítima, a sardiñada de Esteiro ou a rapa das bestas

Violencia de xénero

As probas deportivas, coa etapa da Volta a España como a máis destacada do ano 2016, conforman un capítulo destacado na relación de operativos de Protección Civil, tanto no propio municipio como noutros (como exemplo, o Pantín Classic ou o Rali de Narón). Colaboraron, ademais, en excursións e camiñadas, ou na atención a mulleres vítimas de malos tratos.

Fonte: La Voz de Galicia

Pode consultar a nova na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN Velutina, incendios e temporais copan o labor de Protección Civil