Unhas trinta parellas casarán na festa de Lugnasad os días 25 e 26 de agosto en Cedeira
UNHAS TRINTA PARELLAS CASARÁN NA FESTA DE LUGNASAD OS DÍAS 25 E 26 DE AGOSTO EN CEDEIRA
A Asociación de Amigos de Lugnasad convoca para a próxima fin de semana unha nova edición da festa na que ao redor de 30 parellas de Galicia, España e mesmo de outros países europeos e de América casarán en Cedeira baixo unha antiga costume castrexa. Trátase de elixir á persoa, xa sexa home ou muller, coa que se quere pasar o inverno que está por vir. A vixencia da unión é dun ano, aínda que tampouco existe data de prescrición. Pero a cita de Lugnasad inclúe outras actividades e celebracións.
O programa arrincará o venres día 25 coa “Noite dos Druídas”, que dará comezo ás once da noite e que terá como escenario a zona do Camiño Real da Madalena, un entorno urbano no que este ano terán lugar a maioría dos actos previstos. É o mesmo no que veciños e familiares dos noivos están a piques de comezar a construír as cabanas que axudarán a recrear un antigo poboado castrexo. O ano pasado houbo máis dunha ducia de estruturas e a participación superou as 200 persoas. A reunión dos druídas inclúe a preparación dunha gran queimada que máis tarde compartirán todos os presentes.
O programa do día seguinte, o 26, será moi completo, xa que inclúe un desfile desde o poboado da Madalena ata a praza Roxa e a presentación oficial das parellas. A saída será ás doce do mediodía. Xa pola tarde, a partir das 17.00 horas, comezarán os actos con xogos populares para nenos (a busca do grial e o home do saco), e actividades para os maiores (lanzamento do tronco, óso ao caldeiro e tiro da corda). Ás 19.00 horas será a entrega de premios aos gañadores. A festa concluirá coa celebración das vodas celtas e a cea dos noivos. Estes últimos actos serán ás 23.00 e 23.30 horas, respectivamente. A cerimonia é gratuíta e este ano oficiarase sobre a area branca da praia de Cedeira. Para asistir á cea, na que haberá xabaril, é necesario facer a reserva na oficina de turismo (Palacete municipal).
Manuel Aneiros, tamén coñecido como “Hechi”, foi a persoa que tivo a idea orixinal e a que segue a levar o peso da celebración, para a que conta coa colaboración do Concello de Cedeira, a Asociación de Amigos de Lugnasad, a banda de música Vila de Cedeira, as asociacións de hostaleiros e comerciantes da vila e a entidade de Caza e Pesca Cedeira-Cerdido.
As parellas que queiran pasar un inverno agarimoso aínda teñen a posibilidade de apuntarse a través do correo electrónico: galiciamagica@galiciamagica.com. As xa rexistradas veñen de Pontevedra, Madrid, Barcelona, Cariño, Vigo, Jaén, Algeciras, A Coruña, Ferrol e Perú, entre outros lugares de procedencia.