TRANSICIÓN ECOLÓXICA ADXUDICA A REXENERACIÓN DA MADALENA E LICITA O SERVIZO DE VIXIANCIA AMBIENTAL
O Ministerio de Transición Ecolóxica publica hoxe no BOE o expediente para a contratación dos “Servizos para o cumprimento do programa de vixiancia ambiental, control e vixiancia” das obras do proxecto de rexeneración ambiental da praia da Madalena. O orzamento deste traballo, sin impostos, é de 337.699,90€ e abrangue tarefas antes, durante e despois da execución das obras que consistirán na realización de controis e medicións para garantir o cumprimento dos parámetros establecidos na Declaración do Impacto Ambiental.
Desde o goberno local de Cedeira celebran que siga a avanzar o proceso cara á realización desta actuación, que tamén vén de adxudicarse recentemente á UTE constituída polas empresas Salvador Higuera Corta e Estructuras Condal, de Barcelona, por 2,2 millóns de euros. Considérase no programa da actuación que dada a especialización das tarefas a realizar cómpre contar cunha consultora especializada que complementará a labor da dirección de obra, de aí a nova licitación. Tal como se tiña anunciado, está previsto que as actuacións que afectan ao areal se realicen fóra da campaña de verán, para non interferir na tempada de máis afluencia ao areal.
O proxecto de rexeneración da praia da Madalena que asume o Ministerio de Transición Ecolóxica vén para dar unha resposta definitiva aos desequilibrios que desde hai anos sofre o areal e o seu sistema dunar. A intervención inclúe a construción dun espigón de 77 metros para asegurar a estabilidade da liña de costa fronte aos fenómenos erosivos, así como a repoboación da zona con vexetación autóctona para conservar a potenciar a diversidade deste espazo e os colindantes, incluída a Reserva Mariña de Interese Pesqueiro Ría de Cedeira. Tamén mellorarase o encauzamento da desembocadura do río Condomiñas e do regato da Veiga.