Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Tramitan a licenza para o primeiro fogar residencial para maiores de Cedeira

TRAMITAN A LICENZA PARA O PRIMEIRO FOGAR RESIDENCIAL PARA MAIORES DE CEDEIRA

O Concello de Cedeira está a tramitar a licenza de obra solicitada pola empresa Residencial Cedeira SL para a creación dun fogar residencial para maiores no edificio número 3 da rúa A Capela da localidade. O goberno municipal respalda este tipo de iniciativas de capital privado por considerar que veñen cubrir unha demanda social. O executivo tamén valora a creación de postos de traballos que se xenerarán a corto e longo prazo.

O proxecto consiste na adaptación das dúas plantas do inmoble, que ten cinco, en tres vivendas comunitarias cun total de 32 prazas, das que doce estarán situadas no primeiro andar e as 20 restantes no superior. Son un total de 800 metros cadrados xa construídos os que xa están a piques de se reformar para axustarse ás necesidades dos usuarios. O inmoble, construído no ano 2007, nunca estivo habitado. Haberá habitacións dobres e individuais, espazos comúns en cada planta e servizos xerais de lavandería, cociña e vixilancia para que os residentes poidan vivir descansados das tareas domésticas e mesmo tamén da seguridade. Os residentes disporán de conexión a internet e dun fogar club que estará no baixo.

O proxecto xa conta coas autorizacións da Xunta de Galicia e segundo Juan Brage -un dos socios de Residencial Cedeira SL- podería estar operativo en xaneiro do 2018. Braje explicou que a empresa leva máis de dous anos facendo trámites e xestións para sacar adiante unha iniciativa que el considera necesaria, non só para Cedeira senon tamén para a comarca en xeral, polo baleiro que agora existe con respecto a este tipo de servizos en toda a area de influencia de Ferrol. O empresario tampoco descarta incrementar a oferta para maiores en Cedeira coa posta en funcionamento dun xeriátrico para persoas non válidas. Esta iniciativa xa non sería a tan corto prazo.