Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Sete Concellos únense á campaña de recollida de plásticos agrícolas

SETE CONCELLOS ÚNENSE Á CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE PLÁSTICOS AGRÍCOLAS

Sete concellos da comarca – A Capela, Cedeira, Moeche, Monfero, Ortigueira, As Pontes e San Sadurniño – adheríronse á campaña de recollida de plásticos agrícolas posta en marcha un ano máis pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Trátase dunha solución para fomentar a adecuada xestión deste tipo de residuos que, tradicionalmente adoitaban ser obxecto de vertedura ou incineración incontrolada co prexuízo ambiental que isto pode carrexar para a contorna e a paisaxe.

A empresa Tecnoloxía e Reciclaxe de materiais SL (Tryma) foi a adxudicataria do contrato que esta mesma semana iniciou os traballos de inspección para organizar as recollidas no total de concellos adheridos e realizou un inventariado dos puntos de recollida así como as necesidades específicas para estas tarefas.

Os plásticos terán que ser entregados polos agricultores e gandeiros nos puntos destinados a tal fin polos concellos participantes. Os residuos acumulados deberán ser exclusivamente plásticos agrícolas e deberán estar o máis limpos posibles e atados ou recollidos de tal maneira que faciliten a súa recollida. Unha vez que as cantidades depositadas no punto fagan necesaria a retirada, será o Concello o que deberá poñerse en contacto coa empresa.

Tal e como destacou a titular do departamento, Beatriz Mato, a campaña valorizará o 100% dos plásticos de forma que se obteña outro produto final – grans de polietileno reciclado – que poderá empregarse novamente na fabricación de novos produtos plásticos, na elaboración de bolsas de lixo ou de tubos de polietileno.

BALANCE

Desde o ano 2009 recolléronse en Galicia 22 millóns de quilos de plástico ao amparo desta campaña na que a Xunta investiu 1,8 millóns de euros, cunha media anual de tres toneladas, cifras que este ano esperan igualar.

Fonte: Diario de Ferrol

Pode consultar a nova na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN Sete concellos únense á campaña de recollida de plásticos agrícolas