Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Os alumnos do CEIP Nicolás del río colocan carteis con códigos Q para sinalar as portas de acceso á Cedeira medieval

OS ALUMNOS DO CEIP NICOLÁS DEL RÍO COLOCAN CARTEIS CON CÓDIGOS Q PARA SINALAR AS PORTAS DE ACCESO Á CEDEIRA MEDIEVAL

“Eu e o meu pobo” é o nome dun proxecto educativo que aproxima aos alumnos de segundo de Primaria do colexio Nicolás del Río á historia local dunha maneira participativa e divertida. Esta semana a experiencia levou aos nenos a colocar uns carteis, feitos por eles e cun código Q impreso, nos lugares nos que antigamente estiveron as portas polas que se accedía á Cedeira medieval.

María Dulcenombre Carro Etchepare é a profesora que está ao frente desta iniciativa. Ela, xunto ao primeira tenente de alcalde, María Xosé Rodríguez Pérez, e o concelleiro de Educación, Rubustiano Labraña, acompañaron aos rapaces para sinalizar o número 5 da rúa Real, as inmediacións do mercado, a zona do Cristo e a intersección das rúas Escaleiras e Tetúan. Nestes espazos se atopaban as portas denominadas da Vila, de Cartas, de Rebordelo e da Ribeira, esta última tamén chamada do Areal.

O goberno cedeirense agradece a colaboración dos donos das propiedades nas que foron instalados os carteis e invita aos veciños da vila e da comarca a visitar eses lugares para descubrir as facetas máis descoñecidas da localidade, ademais de apoiar coa súa presenza o proceso formativo duns rapaces que están a descubrir a historia ao tempo que engrandecen a da localidade.