Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Os alcaldes, dispostos a traballar unidos para sacar adiante o proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal

OS ALCALDES, DISPOSTOS A TRABALLAR UNIDOS PARA SACAR ADIANTE O PROXECTO DO XEOPARQUE DO CABO ORTEGAL

As xornadas celebradas en Cariño serviron para evidenciar o enorme potencial do territorio.

O Xeoparque do Cabo Ortegal: ¿futuro máis próximo ou afastado? Si de algo serviron as xornadas do sábado en Cariño, por iniciativa deste Concello, baixo o título mencionado, é para evidenciar o potencial deste territorio -os municipios de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño, Valdoviño e As Somozas- para poder optar á declaración de geoparque pola Unesco. «Nin está máis lonxe nin máis cerca, pero igual agora temos máis información, pero o cerca ou lonxe vai depender de que o conxunto de concellos cheguemos a un consenso dos pasos a dar. Sabemos máis sobre as vantaxes que ten, somos máis conscientes da realidade», subliñou a rexedora de Moeche, Beatriz Bascoy. O seu homólogo de San Sadurniño, o tamén nacionalista Secundino García, incide en que «razóns científicas non faltan». «Aínda non chegamos á fase de darnos conta do potencial que temos se o poñemos en valor», manifestou.

Dinamización económica

O mandatario de Valdoviño, Alberto González (PSOE), recoñece que albergaba dúbidas e reticencias, «porque son concellos que sofren moito a presión dos espazos protexidos e a xente está cansada das restricións». «Pero unha vez vista as experiencias do resto de España, véxoo positivo, unha oportunidade de desenvolvemento e dinamización económica», agregou, á vez que eloxiou a iniciativa do rexedor cariñés. O anfitrión, o socialista José Miguel Alonso Pumar, aspira a conseguir o obxectivo «e con todos os concellos, incluído As Somozas». Pide xenerosidade a todos, confía en lograr o apoio da Deputación e en que os localismos non trunquen a iniciativa.

«Espero que agora estea máis preto que antes porque temos máis información para poder decidir con maior claridade o que queremos facer, porque hai varios modelos posibles», declarou o primeiro edil de Cariño, convencido das posibilidades do territorio. «Partimos con moita vantaxe respecto doutras zonas -remarcou- porque os estudos de campo con que outros sitios non contaban, aquí témolos en moitísimas teses doutorais, co aval das universidades; só hai que pólo sobre a mesa».

«Agora estamos máis asesorados dos pasos a seguir; polo que vimos da Costa Vasca o impacto económico é moi importante e vendo o territorio que temos animáronnos moito», apuntou o alcalde de Cerdido, Benigno Galego (PSOE). O cedeirense Pablo Moreda (PSOE) incide na implicación da sociedade, «os veciños e as empresas locais, porque o xeoparque é moito máis que xeoloxía, cun carácter turístico moi importante». «Temos que sumar todos», subliñou.

Un logro a nivel comarcal

«A nosa posición é estratéxica, en canto a recursos; somos moitos concellos e estamos de acordo. O xeoparque sería unha gran fonte de ingresos e o logro do mandato a nivel comarcal», opina o rexedor de Ortigueira, Juan P. Muras (PSOE).

Fonte: A Voz de Galicia