Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O orzamento municipal para 2017 sae adiante cos votos a favor do equipo de goberno

O ORZAMENTO MUNICIPAL PARA 2017 SAE ADIANTE COS VOTOS A FAVOR DO EQUIPO DE GOBERNO

O Concello de Cedeira administrará este ano un total de 5.658.367,55 euros, o que representa un 7% máis que no 2016 (5.276.842 euros) e case un 15% máis que no 2015. Así o decidía hoxe o pleno da corporación municipal ao aprobar por maioría -o PP votou en contra- os orzamentos presentados polo equipo de goberno (PSOE, BNG e Anova), no transcurso dunha sesión que tivo carácter ordinario e que deu comezo ás nove da mañá.

O alcalde, Pablo Moreda Gil, defendeu as contas previstas para este ano por considerar que se axustan ás necesidades da xente e teñen unha base económica sólida en canto á súa execución. Tamén criticou a falta de argumentos do PP para rechazar os orzamentos e valorou a actual polí- tica de axudas pola que se subvencionan as actividades non as entidades, “como se facía antes”.

Nos presupostos prevese un incremento do gasto na maioría das áreas de goberno, sendo a de Servizos Social e Promoción Social a que se sitúa a cabeceira de todas elas. Disporá dun total de 866.110 euros para o presente exercicio, o que representa 20 % máis con respecto ao anterior. A contratación de cinco auxiliares máis para o programa de axuda no fogar- serán un total de 25- , a implatación de novos servizos -haberá transporte para trasladar ás persoas maiores ou enfermas ao centro de saúde- e a renovación dos convenios con Asfedro, Alcer e Afal son algúns dos asuntos incluídos nunha programación na que tamén se contemplan proxectos de conciliación e iniciativas de envellecemento activo ao longo de todo o ano. A concelleira de Servizos Sociais, Manuela López, recordou que o benestar das persoas segue sendo unha prioridade para o equipo de goberno.

Outra das grandes partidas é a dedicada ás inversións. A cantidade total prevista supera os 660.00o euros e entre as realizacións máis destacadas, tanto pola súa cuantía económica como pola súa relevancia social, cabe sinalar obras de saneamento nas Pontigas, en Casal de María e Vila do Río, por importe de 198.508 euros (POS), así como nas rúas Paz, Silva e Floreal, por unha cantidade de 149. 898 euros (POS). A primeira fase do proxecto de rehabilitación do pazo de Moscoso, tamén coñecido como Casa de Avelino, ao que se destiñan 213.000 euros (POS), e a reparación das beirarrúas e pavimentación da avenida da Area e rúa Fraga Iribarne, cun orzamento de licitación de 150.000 euros, son outras das obras previstas polo equipo de goberno para o presente ano. Para a construción de vestiarios no campo de fútbol existe unha partida de 66.000 euros.

O gasto que o Concello de Cedeira reserva para as áreas de Cultura e Turismo supera os 405.000 euros, sendo as partidas máis importantes as que se destinan ás festas patronais -máis de 100.000 euros- e a que se inviste na promoción do municipio a través da gastronomía local. Á xa coñecida festa do percebe sumarase este ano a que se dedicará a merluza, que será en Semana Santa. O certame de teatro, que se celebra en novembro, e o programa de Xeorutas, das que este ano haberá catro, tamén están incluídos no orzamento para 2017.

O fomento do emprego, a promoción do deporte e distintas axudas para Ensino son outros dos asentos que figuran no proxecto contable aprobado hoxe pola corporación municipal, que también aprobou o POS para o presente ano, neste caso por unanimidade.