O IES PUNTA CANDIEIRA ACOLLERÁ O TALLER “REGUEIFANDO EN IGUALDADE” DA SUBDELEGACIÓN DO GOBERNO
O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, asistiu hoxe na Subdelegación do Goberno á presentación dos talleres “Regueifando en Igualdade”. O IES Punta Candieira de Cedeira será un dos tres centros educativos da provincia que vai acoller esta actividade, unha das que deseñou a Subdelegación do Goberno con motivo do 25N, o Día Internacional contra a Violencia sobre as Mulleres.
Representantes da dirección dos tres centros participantes no programa estiveron tamén no acto, xunto á subdelegada María Rivas e á xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller da Coruña, Manuela Vilaboy, e representantes dous concellos de Cee e A Coruña. Os talleres serán o 15 de outubro no IES ‘Fernando Blanco’ de Cee; o 16 de outubro no IES ‘Adormideras’ da Coruña; e o 24 de outubro no IES ‘Punta Candieira’ de Cedeira. A actividade será dirixida pola regueifeira Lupe Blanco, quen improvisou durante a presentación unha regueifa. Precisamente, escolleu como leiv motiv do seu canto a conmemoración do Día Internacional da Nena, que se celebra hoxe, 11 de outubro.
María Rivas remarcou que loita a contra a violencia machista e a promoción da igualdade son tarefas prioritarias para a Subdelegación, que “se estenden 365 días ao ano”, e enmarcou esta programación neste compromiso diario cara a eliminación da violencia contra as mulleres.
A subdelegada insistiu en que todas estas actividades pretenden contribuír á visibilizar as múltiples formas de violencia contra as mulleres, as nenas e os nenos así como proporcionar ferramentas para a reflexión e o debate arredor da percepción que como sociedade temos da mesma, “nun momento no que os discursos negacionistas e os bulos están facendo posible a percepción dun certo retroceso que como sociedade non nos podemos permitir”.
Tres meses de programación
As accións deseñadas ao redor do 25N esténdese ata finais de novembro, e impactarán en toda a provincia, con especial atención á poboación máis nova. Todas elas, lembrou a subdelegada, responden aos obxectivos e principios do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Unha campaña en redes sociais, talleres de educación afectivo sexual, xornadas de sensibilización e difusión dos recursos públicos para a vítimas, actividades formativas para profesionais dos centros de información ás mulleres e outras entidades relacionadas e un taller de radio forman parte, entre outras propostas, desta programación, que se reparte por diferentes concellos da provincia. Distribuiranse entre a poboación 2.500 exemplares de materiais informativos e replicarase de novo a campaña da maleta viaxeira MAVI, con libros sobre igualdade.