O GOBERNO DE CEDEIRA DENUNCIA A FALLA DE PERSOAL E O INCUMPRIMENTO DAS OBRAS COMPROMETIDAS NO CEIP
O goberno municipal de Cedeira quere poñer de manifesto os problemas que ten o CEIP Nicolás do Río neste comezo de curso, tanto no que atinxe ás obras que a Consellería de Educación se comprometeu a ter listas nestas datas, e que aínda non comezaron, como ao déficit de persoal que vai complicar o normal funcionamento do centro, en particular o recorte de coidadoras, que deixa nunha situación moi vulnerable ao alumnado con necesidades especiais.
O colexio, que xa viu minguado o pasado ano o persoal de apoio, sufriu este ano un novo recorte neste eido. Solicitáranse dúas coidadoras a tempo completo e a Consellería de Educación asignou unha a tempo completo e outra con xornada parcial. Víctor Rodríguez é o pai dunha nena de sete anos, co máximo grao de discapacidade, directamente afectada por este problema. “A miña filla precisa unha coidadora ao seu lado en todo momento”, explicou, comentando que a pequena non camina, nin fala, e mesmo corre o risco de atragoarse.
“No colexio de Cedeira quérenlle moito e trátana moi ben, pero a realidade é que non teñen recursos axeitados para atendela, estimulala e facer que poida progresar”, explica o pai. A familia solicitou xa o ano pasado a súa escolarización nun centro de educación especial en Ferrol e este ano volveu facelo, co mesmo resultado. Os pais pediron tamén o curso ano, xa que tiña que quedar escolarizada no CEIP da localidade, un ordenador cunha óptica especial para que a nena poida sinalar e avanzar na comunicación. Tampouco se lles concedeu e Víctor Rodríguez explica que este curso vai ser o centro quen solicite este recurso. “Pero o problema vai seguir o mesmo, porque se a miña filla non pode estar nun centro cos recursos que precisa e ten que quedar no colexio de Cedeira, aquí precisa ter un apoio permanente”, comenta.
O curso comeza no colexio público de Cedeira tamén con dúas baixas docentes sen cubrir, o que supón unha grave complicación na organización da vida do centro. Vai haber gardas que non se poidan facer e increméntase a carga de traballo para o resto do profesorado. Ademais está tamén sen cubrir unha baixa na cociña.
Á falla de recursos humanos súmanse os problemas de pingueiras e outras eivas nas infraestruturas. En agosto a Consellería comprometérase a acometer de inmediato as obras máis urxentes e telas rematadas no inicio de curso. Pero o feito é que a día de hoxe non comezaron e a intención que manifestou a Xunta é a de acometelas xa en tempo lectivo. Explica o concelleiro Noel López que Educación comunicou que vai comezar polo lucernario do patio cuberto do Areal, co que os nenos e nenas quedarán sen este espazo durante un mínimo de tres semanas e terán que empregar espazos ao descuberto para recreos e clases de educación física. En caso de choiva, a situación complicará aínda máis a organización das actividades.
Desde a ANPA Picapeixe, Eva Blanco explica que a asociación segue a recoller sinaturas para urxir á Consellería de Educación a solución das pingueiras no colexio, dado que a día de hoxe unicamente comunicou que as obras durarán tres semanas, pero sen fixar ningunha data de comezo.