O Goberno analiza o informe de conservación da natureza antes da execución das obras na contorna da praia de Madalena
O GOBERNO ANALIZA O INFORME DE CONSERVACIÓN DA NATUREZA ANTES DA EXECUCIÓN DAS OBRAS NA CONTORNA DA PRAIA DE MADALENA
O goberno de Cedeira e os responsables da Demarcación de Costas en Galicia mantiveron hai uns días un novo encontro para seguir avanzando na realización das obras que o organismo estatal propón para mellorar a praia e a contorna do areal.
Antes de tomar unha decisión, o goberno está a analizar o informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza no que se valoran as posibles consecuencias que poderían ter as actuacións previstas na zona.
A intervención na duna para garantir a efectividade da barreira de madeira construída para conter o seu avance é o tema que máis preocupa ao goberno municipal pero tamén aos membros da plataforma en defensa da ría, da que forman parte partidos políticos (PSOE, BNG, Anova e EU) e entidades como Somos Cedeira, Adega, Museo Mares de Cedeira e a Confraría. Por ese motivo, os responsables municipais teñen a intención de convocar a todos seus membros a unha reunión para debatir o devandito informe. A cita podería celebrarse en cuestión de días.
A inversión prevista polo organismo estatal no municipio ascende a 40.000 euros. Ademais da obra xa citada, o plan inclúe a apertura do regato de San Isidro, a reparación do paseo de madeira que discorre ao longo da praia -no tramo máis próximo ao colexio Nicolás del Río- e a limpeza de plantas invasoras. O conxunto das intervencións será executado por persoal da empresa pú- blica Tragsa.
O inicio dos traballos podería dar comezo no mes de outubro.