Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O goberno abriu un calendario de reunións coa rapazada para coñecer as súas opinións e necesidades

O GOBERNO ABRIU UN CALENDARIO DE REUNIÓNS COA RAPAZADA PARA COÑECER AS SÚAS OPINIÓNS E NECESIDADES

Coñecer as necesidades, mesmo culturais, que poida ter a rapazada de Cedeira levou ao Concello a organizar, xunto a dirección do IES Punta Candieira, unha reunión que tivo lugar esta semana e na que estiveron presentes -ademais de alumnos de 4º da ESO e 1º de Bacharalato- o alcalde, Pablo Moreda Gil; o concelleiro de Educación e Mocidade, Robustiano Labraña, e a primeira tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo e Cultura, María Xosé Rodríguez García.

Como punto de arranque do encontro, os membros do goberno informaron aos rapaces das posibilidades que ofrece a páxina web do Concello (www.cedeira.gal) tanto á hora de recibir información como á de poñerse en contacto cos representantes políticos, a través do buzón de suxestións.

O alumnado, ao que lle costou bastante arrincar, no dubidou en aproveitar este envite para comentar que a pintura do chan da pista de baloncesto da praza do Floreal esvaraba ao mollarse, que tiñan un problema cos excrementos dos cans -que todo o mundo os debía de recoller-, que a xente non debía alimentar continuamente aos gatos nas rúas e que lles gustaría ver no auditorio un musical ou cine comercial. O goberno tratará de darlle solución a estas cuestións.

Pola súa banda, os políticos tamén aproveitaron o encontro para preguntarlle aos mozos a súa opinión sobre posibles accións de goberno, entre elas a creación dun centro da xuventude e un puntrack (circuíto de terra para bicicletas, patíns ou monopatíns). Esta última suxestión foi considerada de especial interese.

Segundo a primeira tenente de alcalde, María Xosé Rodríguez García, “foi unha experiencia moi enriquecedora, tanto para eles como para nós”. Un resultado que levou aos políticos a concertar unha nova cita. Será o mércores da próxima semana con alumnos de Formación Profesional.