Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O consumo responsable foi un dos temas que a mancomunidade de Concellos da comarca de Ferrol levou hoxe ao auditorio Cedeirés

O CONSUMO RESPONSABLE FOI UN DOS TEMAS QUE A MANCOMUNIDADE DE CONCELLOS DA COMARCA DE FERROL LEVOU HOXE AO AUDITORIO CEDEIRÉS

O auditorio municipal de Cedeira acollía hoxe, desde primeiras horas da mañá, a celebración dunha xormada sobre o consumo responsable, sustentabilidade e agroecoloxía que, organizada pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, contou co apoio económico da Deputación da Coruña.

O alcalde, Pablo Moreda Gil, foi o encargado de presentar o acto xunto co deputado provincial e alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras.

Na súa intervención, Moreda destacou que o obxecto das xornadas é explorar as posibilidades para a creación de emprego arredor das novas tendencias de consumo nas que se valora a orixe do produto, dende o punto de vista social e medioambiental, e non soamente o seu prezo ou calidade aparente. Lembrou que a promoción económica é unha das principais competencias da Mancomunidade e como exemplo deste traballo falou do Programa Integrado para o Emprego, cofinanciado pola Xunta de Galicia, no que participan persoas na procura de emprego dos concellos de Narón, Valdoviño e Cedeira. O fomento do cooperativismo, o uso das novas tecnoloxías para atopar un posto de traballo e o desenvolvemento turístico son outros desafíos que teñen en común os concellos das tres comarcas, segundo dixo o alcalde na inauguración do acto.

Un total de 40 persoas -entre elas produtores, técnicos de emprego, e tamén un grupo de alumnos do IES Punta Candieira- asistiron a unha cita na que se falou da venda directa de produtos de explotacións agrarias, da certificación de produtos ecoloxicos e de como poñer en marcha unha explotación hortícola. Na xornada tamén están a participar o grupo de consumidores Fonte da Uz e experiencias empresariais como Pumido ao natural, Viveiros Las torres e Milhulloa.

Pola tarde haberá una mesa de traballo para determinar medidas con vistas a impulsar proxectos dentro do sector primario na comarca.