Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Concello reforza a campaña de desbroce de cunetas contratando un terceiro tractor

O CONCELLO REFORZA A CAMPAÑA DE DESBROCE DE CUNETAS CONTRATANDO UN TERCEIRO TRACTOR

O estado das cunetas afecta a seguridade vial e a conservación dos montes. Así o entende o Concello de Cedeira que acaba de contratar á empresa de José Manuel Piñeiro López para dispoñer dun terceiro tractor – outros dous xa son de propiedade municipal- para intensificar a limpeza de vexetación nas cunetas e taludes.

O acordo pechouse por un importe de 6.000 euros e os traballos, que xa se están a realizar, segundo asegurou o alcalde, Pablo Moreda Gil, forman parte das campañas de desbroce que a administración local realiza ao longo de todo o ano para garantir unha boa accesibilidade a todas as parroquias do concello. Así, durante os meses de inverno unha brigada municipal realiza labores de desbroce naqueles camiños públicos non asfaltados e que dan acceso a explotacións gandeiras e pastos, polos que transitan tractores ou maquinaría agrícola. Ademais estes operarios realizan tarefas de mantemento, repoñendo a sinalización deteriorada, limpando cunetas e realizando canalizacións para evitar que a auga deteriore o firme das pistas. Pero agora, nos meses anteriores ao verán, é cando a maleza medra tanto que é necesario un reforzo, debido a cantidade de traballo, co fin de mellorar a seguridade vial e evitar posibles incendios forestais.