O Concello promocionará en FITUR a Ruta a San Andrés de Teixido
O CONCELLO PROMOCIONARÁ EN FITUR A RUTA A SAN ANDRÉS DE TEIXIDO COMO UNS DOS TRES PRINCIPAIS CAMIÑOS MEDIEVAIS DE GALICIA
A promoción turística de Cedeira, e máis concretamente do camiño a San Andrés de Teixido, leva ao alcalde do municipio, Pablo Moreda Gil, a visitar Fitur (Feria Internación de Turismo) que esta semana se celebra en Madrid.
Son dous os asuntos que teñen especial interese para o goberno cedeirés: reivindicar o territorio como destino ou orixe da considerada por algúns investigadores como a primixenia ruta de peregrinación que houbo en Galicia, a de San Andrés, e dar a coñecer as posibilidades que ofrece o territorio cedeirés entre os operadores turísticos que acuden á feira.
O primeiro obxectivo materializarase mañá mesmo co acto de presentación do Camiño Medieval que, promovido pola área de turismo da Deputación da Coruña, correrá a cargo do presidente da Fundación Santo André de Teixido. A cita será ás 10.30 horas.
Esta iniciativa institucional está centrada nos tres camiños que percorren o territorio da provincia. Dous deles, o Camiño Inglés e o de Fisterra-Muxía están xa instalados no mapa das peregrinacións, mais será sen dúbida a Ruta do Medievo, o camiño que vai desde Betanzos até Santo André de Teixido, o que máis sorprenderá neste acto de promoción nun dos máis importantes escaparates mundiais do turismo. Trátase dunha senda de comunicación entre os dous centros de peregrinación que son Santo Andrés de Teixido e Santiago de Compostela, contando como eixe de conexión coa capital do antigo Reino de Galicia, Betanzos.
O alcalde, Pablo Moreda Gil, equipara a relevancia que poida ter Santiago dentro da ruta Xacobea á que por historia e cultura xa ten Cedeira cando se fala de San Andrés de Teixido.
Desta cuestión Moreda Gil tamén falará cos operadores na reunión prevista para o xoves. Nela, o alcalde exporá as posibilidades turísticas que ofrece un municipio que, como xa quedou claro con motivo do paso da Vuelta Ciclista a España, dispón de moitos e moi destacados recursos naturais, paisaxísticos e culturais para formar parte da oferta turística a todos os niveis.