Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Concello pon en marcha un servizo de whatsapp para mellorar a comunicación coa veciñanza

O CONCELLO PON EN MARCHA UN SERVIZO DE WHATSAPP PARA MELLORAR A COMUNICACIÓN COA VECIÑANZA

O Concello de Cedeira pon en marcha un novo sistema de información á cidadanía: “Cedeira Informa”. Trátase dun servizo municipal áxil, rápido e sen custo para os usuarios a través do cal a veciñanza recibirá vía Whatsapp avisos, novas, incidencias ou a axenda de eventos de xeito directo e próximo. A información enviarase entre as 10.oo e as 20.00 horas, de luns a domingo. Este servizo poñerase en marcha mañá venres, 14 de xullo.

Para darse de alta, os interesados deberan gardar na lista de contactos o número 604 024 266 co nome “Cedeira Informa” e mandar un whatsapp a este contacto co texto “Alta información Concello de Cedeira”. Enviaráselle entón ao usuario unha mensaxe confirmando a súa alta, e a partir dese momento comezará a recibir os contidos. Para coñecer todos os datos relativos a este novo sistema tamén se pode consultar a web municipal (www.cedeira.gal).

Con esta iniciativa, o Concello de Cedeira mantén o seu compromiso coa mellora das canles de participación, comunicación e información da veciñanza, facilitando o seu coñecemento de novas de interese e actualidade municipal, segundo se pon de manifesto desde o equipo de goberno. Aproveitar as novas tecnoloxías para seguir avanzando no desenvolvemento da relación coa cidadanía, mellorar o coñecemento dos servizos públicos e, polo tanto, a súa xestión segue a ser unha aposta constante do goberno local.

Dende o inicio do mandato lévase avanzado moito neste sentido coa posta en marcha de diversas ferramentas de información á veciñanza. Ademais deste novo servizo “Cedeira Informa”, o Concello puxo en funcionamento hai un ano a nova páxina web (que se vai ampliar proximamente coa nova sección de turismo), cun formato máis moderno e accesible. Tamén está a se desenvolver un portal de transparencia, onde os veciños poden atopar información de interese sobre o Concello, e ampliouse a presenza municipal nas redes sociais. Unha aposta pola modernización e a participación na que o goberno seguirá traballando, segundo apuntan os seus responsables.

Pode consultar asnormas de funcionamento na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZON Normas de funcionamento do servizo “Cedeira Informa”