Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Concello pide a colaboración de todas as formacións políticas para reivindicar a mellora da estrada 566

O CONCELLO PIDE A COLABORACIÓN DE TODAS AS FORMACIÓNS POLÍTICAS PARA REIVINDICAR A MELLORA DA ESTRADA 566

Crear emprego, favorecer o asentamento poboacional, mellorar a seguridade viaria e tamén a saúde. Estas son as razóns nas que se apoia o Concello de Cedeira para pedir á Xunta de Galicia que realice unha importante inversión na AC-566, única vía de comunicación da vila coa comarca de Ferrol. Son as mesmas que hai uns días explicaron persoalmente o alcalde, Pablo Moreda Gil, e mais a concelleira de Urbanismo, María Xosé Rodríguez, á titular da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez Mourelle.

O encontro tivo lugar o pasado martes e nel volveuse a falar, por parte da representante da Xunta, de acometer a mellora integral da estrada en sucesivas fases, dado o elevado custo que precisa a obra. A Consellería de Infraestruturas dispón dun proxecto cuxo orzamento de execución é de 14 millóns de euros para o conxunto da estrada. A proposta da Xunta, da que xa se ten falado co Concello, pasa por comezar a obra cunha primeira intervención no tramo coñecido como o das curvas de Landeira, un traxecto de algo máis de dous quilómetros de moi difícil trazado. O orzamento estimado para a súa execución ascende a 4,3 millóns de euros.

O equipo de goberno non ten problema en empezar por un ou outro tramo sempre que o resultado final sexa a mellora tanto da seguridade das persoas que circulan pola vía como da calidade de vida dos veciños de Cedeira. A estrada, segundo apuntou o alcalde, é fundamental para xerar emprego, para evitar a perda de poboación e, en xeral, para garantir o futuro económico e social da vila, así como para que resulte moito máis curta unha viaxe en ambulancia ata o complexo hospitalario de Ferrol.

Por esta cuestión, o equipo de goberno invita a todas as formacións políticas con presenza no concello, teñan ou non representación municipal, a que participen dunha reivindicación que ten como obxectivo alcanzar un ben común tan importante como é, no caso de Cedeira, ter unha vía de comunicación adaptada ás necesidades da xente. O executivo local advirte de que non ten intención de abandonar a loita para conseguir que dentro do actual mandato comece, aínda que só sexa co inicio dos trámites, o proxecto de mellora da citada estrada.

A titular da Consellería de Infraestrutura e Vivenda comprometeuse a seguir falando do tema nunha nova entrevista, que non se prevé que sexa antes dos primeiros meses do 2017.