O Concello pecha o 2016 cun superávit orzamentario superior aos 700.000 euros
O CONCELLO PECHA O 2016 CUN SUPERÁVIT ORZAMENTARIO SUPERIOR AOS 700.000 EUROS E SEN SOBREPASAR A REGRA DE GASTO
A corporación municipal de Cedeira celebrou esta semana o último pleno ordinario do presente ano. Tres foron as cuestións que centraron a sesión, e das tres –para o equipo de goberno– está moi por riba do resto a que se refire aos bos resultados económicos que se desprenden do informe da execución do primeiro semestre e do avance da liquidación do exercicio de 2016. En ambos os dous documentos ponse de manifesto que a administración cedeiresa cumprirá tanto o criterio de estabilidade orzamentaria cun superávit orzamentario de 709.030,18 euros como a regra de gasto na liquidación de 2016 cun marxe de 217.019,15 euros. Os tres asuntos saíron adiante cos votos do equipo de goberno (PSOE, BNG e Anova).
Neste sentido, o alcalde, Pablo Moreda, recoñeceu estar moi satisfeito por ter completado o primeiro exercicio económico ao frente do Concello cun balance tan favorable, se ben tampouco esqueceu que aínda existen necesidades e carencias pendentes.
A modificación da ordenanza reguladora da taxa da basura e do cemiterio municipal foron os outros dous asuntos que suscitaron maior debate no seno da corporación municipal. Con respecto ao primeiro, dende o equipo de goberno se xustifica a decisión de subir en dous euros o recibo da recollida na zona urbana para no discriminar aos veciños do rural, onde o camión só pasa dous días fronte aos sete que o fai na urbana. O recibo pasará de 63 a 65 euros.
Esta regra trasládase tamén aos negocios de máis de 100 metros cadrados situados na zona rural -un euro o m2 ata un tope de 150- para diferencialos dos que están nas urbanas e industriais, nas que se abonarán 1,30 euros, cun mínimo de 140 e un máximo de 450.
Pablo Moreda destacou que o goberno é manifestamente partidario dos establecementos da zona rural por considerar que dan servizo aos veciños que viven nela e xeran actividade nas parroquias.
O Concello contempla bonificacións que van dun 20% para as familias numerosas ata un 50% para beneficiarios do Risga (Renta de Inserción Social de Galicia) e veciños cuxos ingresos non excedan o Indicador de Renta de Efectos Múltiples.
Coa entrada en vigor da ordenanza reguladora do cemiterio municipal a administración regulará o funcionamento dos espazos de enterramento, o rexistro e tramitación de nichos e as comunicacións de inhumacións e exhumacións para así repercutir o custo da última ampliación executada (112 nichos). Por poñer exemplos, polo arrendamento de nichos por 75 anos haberá que pagar 430 euros, mentres que polo rexistro de permisos serán 10. O Concello tamén prevé situacións excepcionais, entre as que se atopan persoas no umbral de pobreza e a apertura de fosas comúns. En ningún dos dous caso haberá que pagar. O equipo de goberno xa está a traballar na elaboración da ordenanza administrativa correspondente.