Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Concello invita aos alcaldes da Bisbarra a asistir o xoves á reunión do pacto polo clima e enerxía

O CONCELLO INVITA AOS ALCALDES DA BISBARRA A ASISTIR O XOVES Á REUNIÓN DO PACTO POLO CLIMA E ENERXÍA

O Concello de Cedeira vén de mandar invitacións aos rexedores municipais da contorna para participar na reunión do pacto dos alcaldes polo clima e enerxía que terá lugar este xoves, día 16, na sala Áncora do municipio. A cita será as sete e media da tarde.

O relator da xornada será Guillermo Leira, xefe de calidade ambiental do Concello de A Coruña -cidade que leva adscrita ao pacto desde hai anos-. Tamén está previsto que asistan representantes da Fundación da Axencia Enerxética Provincial da Coruña.

O goberno cedeirés, a través da concellería de Medio Ambiente, confía en que a convocatoria sexa de interese para os alcaldes, por considerar que é necesario que as administracións locais dispoñan de elementos de planificación e xestión enerxética que favorezan o avance cara un escenario de maior eficiencia así como de menos consumo, gasto e emisións.

O equipo de goberno é partidario dos denominados plans de acción para a enerxía sostible e o clima para combater o cambio climático que, segundo pon de manifesto o concelleiro Camilo Casal, “xa chegou para quedarse, e urxe tomar medidas de mitigación, primeiro, e de adaptación, despois, para contribuír na medida das nosas posibilidades a facer realidade os obxectivos marcados pola UE cara a 2030, de redución do 40% da emisión de gases de efecto invernadoiro (GEI)”.

O novo pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía é unha iniciativa a nivel mundial. En España o proxecto xa está en marcha nunhas 1.700 localidades.