O Concello instala pasos de cebra iluminados nas avenidas Castelao e de Area
O CONCELLO INSTALA PASOS DE CEBRA ILUMINADOS NAS AVENIDAS CASTELAO E DE AREA
En breve o Concello de Cedeira equipararase a cidades como Barcelona, Pamplona ou Cartaxena coa entrada en funcionamento de pasos de cebra iluminados, un sistema de alta tecnoloxía que incrementará considerablemente a seguridade dos peóns á hora de cruzar unha rúa. No caso de Cedeira, dita mellora trasladarase ás avenidas Castelao e da Area, por tratarse das estradas nas que se rexistra un maior movemento tanto de persoas como de vehículos.
Serán un total de vinte os dispositivos que incorporan leds, radares e células fotoeléctricas para advertir aos condutores da presenza de peóns na calzada. A distribución asimétrica da luz crea un contraste visible entre o paso e a superficie da vía, o que proporciona un nivel moi alto de iluminación vertical ao peatón, dende a perspectiva do condutor e a larga distancia.
O proxecto atópase en fase de execución co inicio das obras necesarias para a instalación dunhas luminarias de cinco metros de altura e proxectores de 54 w. O prazo de realización non chega aos quince días, polo que o goberno municipal sitúa nos primeiros días do mes de outubro a entrada en servizo duns dispositivos que “axudarán a mellorar a seguridade viaria dos peóns”, unha dirección na que o goberno seguirá a traballar co fin de incrementar a calidade de vida dos veciños. A execución da obra corre a cargo da empresa Hallmann Energie S.L, por un montante de 35.924 euros, segundo o proceso de adxudicación levado a cabo polo Concello de Cedeira. A empresa contratada instalará luminarias da marca Simon Lighting.