O Concello de Cedeira urxe á Xunta a seguir avanzando na ampliación da escola infantil
O CONCELLO DE CEDEIRA URXE Á XUNTA A SEGUIR AVANZANDO NA AMPLIACIÓN DA ESCOLA INFANTIL
O goberno de Cedeira faise eco da demanda e preocupación de pais con fillos menores de tres anos e sen praza na escola infantil, polo que urxe á celebración da reunión que xa se ten demandado tanto co conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, como co xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade, Perfecto Rodríguez, para saber se hai avances na ampliación da escola coa ocupación dun segundo edificio municipal situado a carón do actual.
O alcalde, Pablo Moreda Gil, e a concelleira de Xuventude, Ensino e Igualdade, Manuela López, mantiveron hai uns días unha reunión cos pais que, ante a falta de noticias da administración autonómica, están levando a cabo unha campaña de recollida de firmas para esixir que haxa o mesmo número de prazas que de demandas. No mes de xaneiro, na lista de espera xa había vinte inscritos.
Moreda Gil recordou o compromiso alcanzado tanto polo conselleiro Rey Varela como polo responsable do Consorcio cara a considerar que a ampliación da escola infantil é unha prioridade para moitos pais da vila de Cedeira e sinalou que “o Concello xa fixo os deberes”. O alcalde explicou que o borrador do estudo previo foi consensuado co responsable do Consorcio, polo que agora nada máis que se está a espera do compromiso económico da Xunta para que a obra sexa unha realidade. Segundo o devandito informe económico, a execución do proxecto podería ter un coste de alomenos 139.000 euros, unha cantidade que, se ben é elevada, tampouco pode representar un gran problema para a Xunta, dixo o alcalde. Moreda entende a intranquilidade que o asunto está a xenerar entre os pais con nenos menores de tres anos e considera que a Xunta ten que facer un esforzo para que darlle solución a unha demanda social de gran calado.
A ampliación da escola infantil, ademais de incrementar o número de aulas, daría lugar á mellora de servizos xa existentes -a cociña é un deles- e a creación de novos espazos entre os que estarían unha sala de xuntas e almacéns. O goberno de Cedeira segue a apostar pola realización dunha obra tan necesaria como importante para garantir o crecemento poboacional da vila. A matrícula actual do centro é de 60 alumnos e o seu plantel laboral está integrado por dez traballadores.