Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA TEN ABERTA A INSCRICIÓN NO CERTAME DE TEATRO AFECCIONADO “FUSA GUILLÉN”

O Concello de Cedeira ten aberto ata o 20 de outubro o prazo de presentación de propostas para a terceira edición do Certame de Teatro Afeccionado “Fusa Guillén”, co que se mantén viva a lembranza dunha muller que deixou unha fonda pegada na vida cultural e particularmente no impulso ao teatro na localidade. As compañías poden presentar as súas propostas e un xurado encargarase de seleccionar tres obras que se representarán no Auditorio Municipal os días 17 e 30 de novembro e o 1 de decembro.

Segundo establecen as bases, o certame está aberto exclusivamente ás compañías de teatro amador e só se admitirá unha obra por grupo. As pezas deberán ter unha duración de 50 minutos como mínimo e ser en galego. Para a selección do xurado, as compañías deberán enviar coa súa solicitude diferente material, entre o que estará un vídeo da representación completa ou dunha parte suficientemente representativa.

O Concello pagará 750 euros a cada un dos tres grupos elixidos en concepto de gastos pola actuación. Todas as representacións serán ás 20.00h e con entrada gratuíta.