O CONCELLO DE CEDEIRA REPARTE UN NOVO NÚMERO DO BOLETÍN DE INFORMACIÓN MUNICIPAL “AS7PARROQUIAS”
O Concello de Cedeira reparte estes días polo municipio un novo número do boletín As7Parroquias, o 28, coa actualidade do traballo do goberno municipal en diferentes eidos. A imaxe da portada é para a última festa do Samaín e nas súas páxinas destaca a información sobre as axudas coas que a administración local respalda o tecido asociativo da localidade e que suman máis de 285.000€, así como as obras en curso. Entre elas están varios proxectos de mellora dos camiños na zona rural, que alcanzan un investimento de preto de medio millón de euros.
Salienta tamén a publicación que o Ministerio de Transición Ecolóxica ten contratada xa a obra de rexeneración da praia da Madalena e que está a licitar outro contrato complementario á execución desta importante actuación. A última campaña de escavacións no Castro de Sarridal, o proceso de Orzamentos Participativos, un programa de formación no marco da coordinación para loitar contra a violencia de xénero, os proxectos do GALP e unha reportaxe sobre a inqueda vida cultural que ten a vila están tamén nas páxinas de As7Parroquias.
A contraportada vai adicada desta volta á asociación de veciños de San Román, a máis nova deste tipo de entidades que son piares básicos para a dinamización da vida social e cultural nas parroquias rurais. A entidade naceu en 2018 e conta con máis de 400 persoas socias.
Pode consultarse o boletín na seguinte ligazón:
➡️ https://cedeira.gal/wp-content/uploads/2024/11/as%207%20parroquias28.pdf