O Concello de Cedeira recorre á arbitraxe da deputación para desatascar o peri de xunqueira
O CONCELLO DE CEDEIRA RECORRE Á ARBITRAXE DA DEPUTACIÓN PARA DESATASCAR O PERI DE XUNQUEIRA
Os 1.500 folios que conforman o expediente do Plan Especial de Reforma Interior (PERI) – Unidade de Execución Integral 1 da Xunqueira xa se atopan no servizo provincial de Asistencia a Municipios. O goberno local de Cedeira decidiu recorrer á arbitraxe da Deputación nun intento de desatascar a tramitación do plan, promovida por un particular, tras máis dunha década desde que se aprobase inicialmente, o 11 de xaneiro de 2007. «Estase dando un paso moi importante, este asunto está enquistado, naceu en 2006 e xa pasaron diferentes técnicos e gobernos locais. Entendemos a preocupación e malestar existente por parte da propiedade por un proxecto tan complexo, o máis complexo dos que levan pasado polo Concello en 15 anos, e pretendemos desbloquear a situación. É unha actuación moi importante para a propiedade e tamén para o Concello, porque unha parcela pasará a disposición da Administración local», sostén o alcalde, o socialista Pablo Moreda.
A concelleira de Urbanismo, a nacionalista María Xosé Rodríguez, comparte a necesidade de sacar adiante este proxecto. Da Deputación sairán senllos informes xurídico e técnico «e esa conclusión determinará por onde se debe proceder», subliña o mandatario local, aínda que non se trate dun ditame vinculante.
A familia que promove o PERI criticou tanto ao actual executivo local como ao anterior polo atraso na tramitación e as trabas.
Fonte: La Voz de Galicia
Pode consultar a nova na seguinte ligazón:
IR Á LIGAZÓN O Concello de Cedeira recorre á arbitraxe da Deputación para desatascar o PERI de Xunqueira