Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Concello de Cedeira garante a continuidade das Xeorutas

O CONCELLO DE CEDEIRA GARANTE A CONTINUIDADE DAS XEORUTAS, QUE ENTRAN NA SÚA RECTA FINAL CUN NOVO PROXECTO DE TURISMO SOSTIBLE

“Unha viaxe ao interior da terra”. Así se presentaba a finais do mes de xuño o programa de Xeorutas, que concluirá despois de ter realizado 33 saídas ao longo de todo o verán. As últimas convocatorias terán lugar os días 16, 17 e 18 do presente mes.

O éxito obtido -cabe recordar que só no primeiro mes participaron 170 persoas- aconsella ao goberno municipal de Cedeira incorporar a iniciativa como unha actividade máis dentro do calendario local sempre e cando o tempo e a afluencia de visitantes así o recomenden.

Nesta liña inscríbise o acordo cos concellos de Ribadeo e Burela para o desenvolvemento do proxecto “Entre arcos e cantís”, unha iniciativa de similares contidos que, cunha vixencia de dous anos, está a espera da axuda tramitada ante dos Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP). Este novo proxecto persegue conciliar a conservación e preservación do patrimonio natural fomentando o ecoturismo e a dinamización económica local de cara á creación dunha estratexia de turismo sostible e unha imaxe de marca do territorio da Mariña-Ortegal.

“Entre arcos e cantís” inclúe ademais toda unha serie de actividades entre as que destacan o inventario do patrimonio natural e guía xeolóxica da zona; a creación dunha plataforma web que porá en valor tanto a xeodiversidade como outros recursos, arqueoloxía e patrimonio, como alternativas de aloxamento, ocio ou restauración; a creación dunha aplicación móbil que incluirá os itinerarios xeolóxicos ou o establecemento de programas de formación e educación medioambiental dirixidos aos centros educativos. Tamén forman parte das actividades a realizar o deseño de itinerarios xeolóxicos interpretados, as xeorutas, que son a primeira actividade xa posta en marcha en Cedeira e Burela. En Ribadeo levan tempo executándose.

O Concello de Cedeira puso en mans do xeólogo Francisco Canosa unha iniciativa coa que se buscaba dar a coñecer a potencial xeológico que existe no municipio de maneira lúdica, ademais de abrir novos camiños dentro do sector turístico. E así conseguiuse xa que dende este verán as rutas dos Cantís, Praias Negras e do Cromo non sexan unhas descoñecidas e a súa riqueza estea moito máis valorada.