O Concello de Cedeira colabora na investigación do accidente no que morreu unha moza
O CONCELLO DE CEDEIRA COLABORA NA INVESTIGACIÓN DO ACCIDENTE NO QUE MORREU UNHA MOZA DE VILAGARCÍA POLA CAÍDA DUN BALCÓN
O goberno de Cedeira lamenta profundamente o pasamento dunha moza, cuxa iniciais son M.I.L., que visitaba o municipio e morría este domingo polo desprendemento da varanda do balcón no que se atopaba na compañía dunha amiga. A rapaza, de 33 anos, viña case todas as fin de semana a visitar ao seu noivo que vivía no piso no que se produciu o suceso. M.I.L. era veciña de Vilagarcía.
O executivo local califica de “terrible accidente” uns feitos que están sendo investigados pola Policía Xudicial, coa que tamén está a colaborar o Concello. Hoxe mesmo a Policía Local e persoal técnico do departamento de Urbanismo están a comprobar as licenzas e os permisos do edificio, que é relativamente novo.
O alcalde, Pablo Moreda Gil, quere mandar, no nome da veciñanza, un sentido pésame á familia da finada que, durante algún tempo, formou parte do cadro de persoal do Banco Pastor de Cedeira. “É un día moi triste”, recoñeceu Moreda Gil.
Pola súa banda, a concelleira de Urbanismo, María Xosé Rodríguez, recordou que a obriga administración local, como se fixo neste caso, é certificar o fin dunha obra, unha vez que os técnicos municipais comproban que o executado se axusta ao proxecto aprobado polo Concello. Calificou de desgraza o sucedido e explicou que o goberno colaborará en todo o que faga falta para aclarar o accidente. O suceso tiña lugar na tardiña do pasado domingo, sobre as sete da tarde, no número 12 da rúa Estrada, situada no casco urbano da vila.