O Concello de Cedeira busca chegar a un acordo con propietarios dos montes das Croas
O CONCELLO DE CEDEIRA BUSCA CHEGAR A UN ACORDO CON PROPIETARIOS DO MONTE DAS CROAS PARA POÑER EN VALOR O SEU CASTRO
O Concello de Cedeira quere enriquecer o patrimonio local e completar a oferta turística coa recuperación do castro situado no monte das Croas. O goberno, que xa dispón dun estudio arqueolóxico para a realización da obra, trata agora de chegar a un acordo económico cos propietarios dos terreos necesarios para a execución do proxecto. Esta é a razón que está detrás da reunión que terá lugar mañá, ás 20.00 horas, na Casa do Concello. Nela o executivo local trasladará aos veciños -39 en total- o seu interese por darlle unha utilidade pública a un ben cultural de tanta relevancia e tentará coñecer as pretensións económicas dos propietarios á hora de poñer á venda, chegado o caso, os 8.000 metros cadrados que precisa a intervención, que está firmada polo arqueólogo Emilio Ramil.
A concelleira de Cultura, María Xosé Rodríguez, puxo o acento na trascendencia do proxecto por canto suporá a recuperación dun moi importante valor patrimonial para veciños e visitantes, ademais de garantir a súa protección e de que poida ser visitado.
O castro das Croas está entre os mellor conservados dos que aínda existen no municipio cedeirés. Nel tamén se encontran os de Alcaiás, Cheda, Magoira e Santamallar de Riba. En ningún deles se fixo intervención arqueolóxica algunha.