O CONCELLO DE CEDEIRA ABRE A INSCRICIÓN NO CAMPAMENTO URBANO “CONCILIA NADAL”
O Concello de Cedeira porá en marcha o campamento urbano “Concilia Nadal” para que as familias poidan compatibilizar obrigas laborais e vacacións escolares durante as vindeiras festas. Hai 50 prazas para nenos e nenas nados entre 2012 e 2021, ambos incluídos, e o prazo de solicitude está aberto ata o día 9 de decembro. Como en anos anteriores, o campamento desenvolverase nas instalacións do CEIP Nicolás do Río en horario de mañás, de 09.00 a 14.00h, de luns a venres.
O ”Concilia Nadal” funcionará os días 23, 24, 26, 27, 30 e 31 de decembro e os días 2, 3 e 7 de xaneiro. O campamento Concilia estará atendido por monitores e monitoras e as actividades a desenvolver serán fundamentalmente lúdicas: xogos, obradoiros e deportes.
Nas bases do campamento Concilia establécese que cinco das 50 prazas disponibles serán para nenos ou nenas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, cando estes teñan capacidade de integración co grupo. Na inscrición, terán preferencia os menores empadroados en Cedeira, e a continuación aqueles cuxos titores traballen no termo municipal. Atendendo a isto, a continuación tamén terán prioridade as unidades familiares nas que ambos proxenitores acrediten traballar polas mañás ou ben estar realizando un curso de formación na mesma franxa horaria. Nas bases, que están colgadas no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello, está o formulario de inscrición e os documentos a presentar.
Tamén este ano, como nas festas de Nadal anteriores, o Concello vai poñer en marcha un parque de xogos a cuberto durante as tardes, no Polideportivo Municipal, de maneira que este será outro recurso que anime o ocio das crianzas e a mocidade de Cedeira.