O Concello convoca o certame de disfraces, que se celebrará o día 25
O CONCELLO CONVOCA O CERTAME DE DISFRACES, QUE SE CELEBRARÁ O DÍA 25
O Concello de Cedeira abre un prazo, ata o día 24, para a inscrición daquelas persoas ou grupos que desexen participar no concurso de disfraces que, con motivo do Entroido, o goberno local organiza para a xornada do 25, sábado.
A solicitude debe presentarse no rexistro xeral do Concello (horario de 9.00 a 14.00 horas) e a persoa que actúe como representante da agrupación tamén será a que asine a petición, que deberá acompañar a fotocopia do seu DNI ou pasaporte. O representante asumirá así todas as responsabilidades do beneficiario/a do premio, incluídas as obrigas fiscais.
A organización do certame establece un total de catro categorías: comparsas (conxunto de persoas formado por un mínimo de 9 compoñentes representando un mesmo motivo), grupos (conxunto de entre 3 e 8 persoas), parellas e individuais. As comparsas e grupos poderán optativamente presentarse apoiados dun móbil (carro ou plataforma). A altura máxima será de 3 metros. Por norma xeral, ademais, a mesma persoa non poderá participar en máis dunha modalidade.
En canto aos premios, serán de 500, 300 e 200 euros, no caso de quedar nos tres primeiros postos da categoría de comparsas. As cuantías para os mellores grupos, son de 200, 150 e 100 euros, respectivamente. As parellas, pola súa banda, optarán a premios en metálico de 40, 30 e 20 euros, mentres que os mellores disfraces individuais serán premiados con 30, 20 e 15 euros.
Tamén haberá premios especiais para o máis novo e o máis vello participantes, que serán de 20 e 30 euros, respectivamente.
O programa previsto para o sábado día 25 arrincará, pasadas as cinco da tarde, na estación de autobuses, dando así comezo ao percorrido polas rúas da vila ata chegar á praza Roxa. A animación musical correrá a cargo da charangas DGT e Batería de Cariño. Pola noite, terá lugar o tradicional baile de disfraces organizado pola comisión de festas de Cedeira 2017. As orquestras Cinema e Garibaldi serán as encargadas de poñer a música. O prezo das entradas oscila entre os dous euros, que pagarán os menores de 16 anos, e os cinco que terán que abonar os adultos.
A festa infantil será o luns 27 no polideportivo municipal, a partir das cinco da tarde. Haberá inchables, animación musical e actividades.
Na seguinte ligazón poderá descargar as bases entroido 2017: