Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Concello contratará a sete desempregados con cargo ao fondo de compensación ambiental

O CONCELLO CONTRATARÁ A SETE DESEMPREGADOS CON CARGO AO FONDO DE COMPENSACIÓN AMBIENTAL

O goberno de Cedeira valora a axuda do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) que o Concello acaba de recibir por canto supón a contratación de sete desempregados por un periodo de tres meses e medio.

O alcalde, Pablo Moreda Gil, sinalou que “a creación de emprego segue a ser a prioridade do goberno” e apuntou que “nós priorizaremos a contratación de persoal por enriba doutras actuacións ata onde nos permitan as bases destas subvencións”. A Lei de Contratación prohibe aos Concellos contratar de forma directa. Só lles está permitido cando exista esa posibilidade nas bases da subvención que están a percibir. Os sete novos empregos se cubrirán a través das bolsas de traballo que ten a propia administración local.

Cedeira recibirá un total de 91.941,64 euros procedentes do FCA, dos cales 45.937,44 son para gastos de funcionamento. Son estes cartos os que terán como destino a contratación dun técnico de medio ambiente -que traballará o 60 % da xornada- e seis peóns, que o farán a tempo completo. Tarefas de mantemento e de promoción e defensa de zonas verdes e espazos naturais do termo municipal son algunhas das obrigacións laborais que pasarán a ter estes novos empregados públicos.