O Concello contrata a catro desempregados a través do plan de emprego local da Deputación da Coruña
O CONCELLO CONTRATA A CATRO DESEMPREGADOS A TRAVÉS DO PLAN DE EMPREGO LOCAL DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA
O Concello de Cedeira vén de contratar catro peóns durante un período de seis meses, cuxos costes laborais e da Seguridade Social asume a Deputación da Coruña a través da liña de apoio aos concellos do Plan de Emprego Local (PEL).
Este programa está destinado a desempregados con dificultades para a integración laboral. A administración provincial esixe que a contratación beneficie a aqueles colectivos máis afectados polo desemprego, maiores de 45 anos, parados de longa duración, persoas pertencentes a fogares con todos os seus membros en paro, vítimas da violencia de xénero ou persoas en risco de exclusión social.
O importe que a Deputación lle adxudicou ao concello de Cedeira é de 43.000 euros. A administración local, pola súa banda, ten que poñer a cantidade de 1.004 € para poder facer estas contratacións.
O goberno cedeirense agradece á Deputación “que invista nun plan de emprego tan ambicioso coma este” e anima aos seus responsables a seguir contando con estas liñas de apoio ás familias e colectivos que necesitan dunha atención especial.