Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Concello colabora coa comisión de festas da Vila cara á celebración da primeira festa da cervexa

O CONCELLO COLABORA COA COMISIÓN DE FESTAS DA VILA CARA Á CELEBRACIÓN DA PRIMEIRA FESTA DA CERVEXA

Despois das celebradas con motivo do Fin de ano e Entroido, a comisión de festas da vila de Cedeira organiza a Festa da Cervexa, unha iniciativa que terá lugar esta fin de semana. O programa, co que os convocantes esperan seguir recollendo cartos cara ás citas populares do verán, ten un pouco de todo, desde actuacións musicais ata degustacións gastronómicas e exposicións para mostrar as últimas novidades nos apartados de autocaravanas e artesanía.

A praza da Revolta, tamén chamada da Constitución, acollerá unha convocatoria que arrincará mañá, a partir das sete da tarde, coa a inauguración oficial do encontro. Desde ese momento xa estarán abertos ao público os postos de venda de cervexa artesanal, os das pulpeiras e os food trucks -no que ao apartado gastronómico se refire-, así como os de artesanía e a mostra de casas móbiles.

Para a primeira actuación musical haberá que esperar ata as once da noite. Catro grupos intervirán neste concerto inaugural. Son: Grupo 3D, Oveja negra, Banda Delaostia e Mártires del rock.

Tanto o sábado como o domingo intensificarase a actividade en torno á praza da Revolta xa que, ademais de todo o anterior, tamén haberá sesión vermú ambos os dous días, con Festa de Callos incluída. No concerto do sábado (23.00 horas) tocarán os grupos Sintron Nixon, Black Yack, Hellbuckers e Riff Raff.

A presidenta da comisión de festas -organización coa que colabora o Concello- María José García Pérez, invita á veciñanza e a toda a contorna a participar e gozar desta primeira Festa da Cervexa, ademais de colaborar economicamente coa posterior celebración das citas festivas do mes de agosto.