O Concello avanza no proxecto de ampliación da escola infantil da localidade
O CONCELLO AVANZA NO PROXECTO DE AMPLIACIÓN DA ESCOLA INFANTIL DA LOCALIDADE
O alcalde de Cedeira, Pablo Moreda Gil, valorou a reunión mantida hoxe co titular da Consellería de Política Social, José Manuel Rey Varela, por considerar que “foi o punto de inicio da futura ampliación da escola infantil da localidade”. Moreda Gil entende que os informes que se presentan desde a Consellería son moi claros á hora de xustificar unha reforma que suporía duplicar o espacio actual e que requeriría a ocupación dun edificio contiguo de titularidade municipal.
Unha lista de espera con máis de vinte nomes e a necesidade de mellorar servizos xa existentes -a cociña é un deles-, crear novos espazos -entre os que estarían unha sala de xuntas e almacéns- e incrementar o número de aulas son as principais razóns nas que coinciden tanto a Xunta como o goberno de Cedeira para seguir apostando pola realización dunha obra necesaria e moi importante tamén para garantir o crecemento poboacional da vila. A matrícula actual do centro é de 60 alumnos e o seu plantel laboral está integrado por dez traballadores.
O seguinte paso, segundo explicou o Pablo Moreda, pasa por empezar a traballar, de maneira conxunta, na elaboración do proxecto definitivo. Outro redactado no ano 2014 utilizarase como referencia. A intención do Concello é adaptar o que xa existe ás esixencias que poidan vir da Xunta.
A reunión celebrada en Ferrol e na que tamén estivo presente o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade, Perfecto Rodríguez, é continuidade da que tivo lugar o pasado verano en Santiago. Tanto aquela como a de hoxe enmárcanse dentro dos contactos que o responsable da carteira de Política Social mantén cos alcaldes de Galicia. En ambas as dúas ocasions, o dirixente autonómico e o local fixeron un repaso polos principais programas e infraestruturas en materia social que se están levando a práctica na localidade cedeiresa.
José Manuel Rey Varela, asegurou esta mañana en Ferrol que “o diálogo, a colaboración e a coordinación entre administracions é a mellor maneira de garantir unhas políticas sociais que verdadeiramente redunden na mellora da calidade de vida dos galegos”.