O Concello asiste a unha xornada informativa sobre axudas para proxectos sostibles
O CONCELLO ASISTE A UNHA XORNADA INFORMATIVA SOBRE AXUDAS PARA PROXECTOS SOSTIBLES
O alcalde e o titular da Concellería de Medio Ambiente de Cedeira, Pablo Moreda Gil e Camilo Casal respectivamente, coñecerán de primeira man as posibilidades que ten o Concello para acollerse ás axudas DUSI (Desarrollo Urbano Sostenible e Integrado) dirixidas a municipios de menos de 20.000 habitantes.
Moreda e Casal asisten á xornada informativa que organiza a Deputación da Coruña e que se celebra esta mañá na sede provincial, a partir das 10.30 horas.
Nesta xornada a Faepac (Fundación Axencia Enerxética Provincia da Coruña) exporá as liñas de actuación que se poderán subvencionar e asesorará sobre como realizar a solicitude, o orzamento destinado a Galicia e a portentaxe de financiamento, así como os requisitos que se teñen que cumplir. Dentro deste apartado cabe destacar que os proxectos deberán favorecer unha economía baixa en carbono, no marco do programa operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020.
Estas subvencións serán directamente xestionadas polo IDAE (Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía), e está previsto que as solicitudes se poidan presentar un mes despois de publicadas as axudas.
Unha vez coñecidos os requisitos o goberno cedeirés ten intención de analizar unha posible participación neste programa que favorece o uso racional da enerxía.