Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Concello asina un convenio coa deputación para mellorar a seguridade vial na Avenida da Area e rúa fraga Iribarne

O CONCELLO ASINA UN CONVENIO COA DEPUTACIÓN PARA MELLORAR A SEGURIDADE VIAL NA AVENIDA DA AREA E RÚA FRAGA IRIBARNE

O alcalde de Cedeira, Pablo Moreda Gil, calificou de “moi importante” o convenio que o Concello vén de asinar coa Deputación da Coruña polo que a institución provincial investirá 100.000 euros en obras de mellora na avenida da Area e na rúa Fraga Iribarne. O acordo foi rubricado esta semana polo alcalde e o deputado responsable da área de Cooperación cos Concellos, Xosé Regueira Varela.

Pablo Moreda destacou o alcance das intervencións previstas porque axudarán a incrementar a seguridade de veciños e condutores, ademais de contribuír ao mantemento das infraestruturas viarias. Neste sentido, o alcalde cifrou en uns 1.400 m2 os que serán intervidos no caso das beirarrúas e 640 metros lineais os que pasarán a ter bordillo. O orzamento total da obra ascende a 150.000 € dos que a Deputación asume o 66.66 %.

Na avenida da Area, no sentido Cedeira a Campo do Hospital, realizaranse novas beirarrúas na marxe esquerda, no tramo comprendido entre a rúa Eduardo Pondal e a travesía da Silva, e na marxe dereita entre o entronque da avenida de Castelao coa praza de Galicia e a rúa Neda. Tamén sinalizaranse os pasos de peóns e instalaranse bolardos para evitar o aparcamento nun tramo de cen metros para garantir a seguridade vial. Actuarase tamén no tramo de beirarrúas da praza de Galicia, comprendido entre a rúa Eduardo Pondal e a avenida de Zumalacárregui.

No caso do vial Fraga Iribarne realizaranse novas beirarrúas na marxe dereita, no tramo comprendido entre a rúa da Estrada e o Camiño Real da Magdalena. O proxecto contempla asemesmo a colocación de reixas para evitar que a auga acceda a tres portais de cota inferior e como consecuencia da ampliación das beirarrúas será necesario actuar nas tapas dos pozos e arquetas existentes así como executar a conexión das baixantes aos sumidoiros. Tamén se levantarán e reinstalarán os sinais verticais existentes e, unha vez rematada a obra, reporase o firme da calzada onde sexa necesario.

O goberno municipal de Cedeira agradece o compromiso que a Deputación da Coruña vén demostrando coa administración local, unha colaboración que agora, segundo o alcalde, serve para solucionar problemas que “se arrastran desde hai anos polo mal estado das beirarrúas que levan moito tempo sen arranxar”.