O Concello achega as nocións sobre as normas viarias aos escolares
O CONCELLO ACHEGA AS NOCIÓNS SOBRE AS NORMAS VIARIAS AOS ESCOLARES
Achegar a educación viaria aos alumnos do CEIP Nicolás del Río de Cedeira é o obxectivo das xornadas que, organizadas polo Concello, arrincaron onte no centro educativo. Os primeiros en “catar” o circuíto habilitado no centro escolar polos membros do Equipo de Educación Viaria de Narón que desprazaron á vila cedeirense o seu material, foron os alumnos de 4º e 5º de Primaria. A instalación non só achegou os sinais de tráfico aos menores, senón que tamén o uso correcto do cinto de seguridade e o comportamento adecuado para circular como peóns e como futuros condutores, tanto de vehículos motorizados como de bicicletas.
Na iniciativa tomarán parte os 453 alumnos do centro con actividades adaptadas a todas as franxas de idades. Así mentres os de Primaria tomaban contacto co circuíto, os máis pequenos asistían a unha sesión de contacontos.
O punto de partida da convocatoria tivo lugar a pasada semana coa celebración de charlas informativas e o material cedido pola Fundación Mapfre. Todas as actividades levarán a cabo en horario lectivo e tal e como lembrou o concelleiro de Educación, Robustiano Labraña, “responden á necesidade de suplir a falta de materias que agora non están contempladas na educación regrada”, dixo.
Fonte: Diario de Ferrol
Pode consultar a nova na seguinte ligazón:
IR Á LIGAZÓN O Concello achega as nocións sobre as normas viarias aos escolares