Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Concello abre as portas ao teatro Amador coa convocatoria do primeiro certamen de teatro afeccionado de Cedeira

O CONCELLO ABRE AS PORTAS AO TEATRO AMADOR COA CONVOCATORIA DO PRIMEIRO CERTAME DE TEATRO AFECCIONADO DE CEDEIRA

Fomentar a cultura en xeral e as artes escénicas en particular é a idea que está detrás do primeiro Certame de Teatro Afeccionado de Cedeira que o Concello impulsa para que as compañías poidan achegar a creación dramática a un amplo sector de poboación e sirvan de viveiro para facer emerxer novos talentos artísticos.

A Concellería de Cultura organiza o programa para os días 4, 11 e 18 de novembro no Auditorio Municipal e dá a coñecer agora as bases de participación. Trátase dunha convocatoria aberta a todos os grupos que poidan estar interesados, dos que se seleccionarán tres que recibirán unha axuda económica de 400 euros. Cada compañía presentará a concurso o número de obras que desexe, das cales só poderá ser elixida unha. Todas as pezas terán que ser representadas en galego e os dereitos de posta en escena das obras correrán a cargo do Concello, como organizador do certamen, mentras que a autorización do autor será responsabilidade dos grupos participantes.

O prazo límite de inscrición e entrega da documentación conclúe o 5 de outubro de 2016. En canto á tramitación, terá que ser por escrito, facendo constar dende o título de espectáculo e autor ata as características técnicas como medidas da escenografía e plano de luces. No modelo de inscrición figurarán tamén nome e apelidos, teléfono, domicilio fiscal e unha declaración do responsable de que a compañía ou grupo non está incursa en ningunha das causas de exclusión previstas na Lei Xeral de Subvencións.

Será imprescindible presentar, xunto coa inscrición, un vídeo do espectáculo completo, en formato DVD. Este material utilizarase para as tarefas do comité de selección, aceptando os grupos que poida ser visualizado polos membros deste comité e por cantos asesores sexan requiridos por eles. Este formato tamén pode ser substituído por unha ligazón a web, con calidade de imaxe e son suficientes. A inscrición poderá presentarse en persoa nas oficinas do Concello 0 tamén no rexistro de calquera órgano administrativo pertencente á Administración Xeral do Estado, no de calquera Administración da Comunidade Autónoma ou nas oficinas de Correos. Nestes últimos casos, deberán ser logo enviados por correo postal, dirixidos a: I CERTAME DE TEATRO AFECCIONADO DE CEDEIRA.Concello de Cedeira. Rúa Real, 15; 15350 Cedeira, A Coruña. No caso de optar polo correo electrónico a documentación terá que ser remitida a: enrique.vazquez@cedeira.es

Xunto coa inscrición as compañías deberan presentar unha pequeña historia do grupo, críticas de prensa, certames nos que tomaron parte e cartel da obra e máis un programa de man da peza a representar.

A selección das obras será realizada por unha Comisión formada por persoas nomeadas pola Concellería de Cultura do Concello de Cedeira. Trátase de elixir os tres espectáculos que formarán o cartel da que será a primeira edición do certamen.

A selección das obras será realizada por unha Comisión formada por persoas nomeadas pola Concellería de Cultura do Concello de Cedeira. Trátase de elixir os tres espectáculos que formarán o cartel da que será a primeira edición do certamen.