O colexio de Cedeira esixe que se cubra a praza de axudante de cociña
O COLEXIO DE CEDEIRA ESIXE QUE SE CUBRA A PRAZA DE AXUDANTE DE COCIÑA QUE LLE CORRESPONDE
A lexislación vixente establece que un servizo de comedor con entre 151 e 250 comensais debe estar atendido na cociña por tres profesionais, un oficial e dous axudantes. No CEIP Nicolás do Río comen a diario 167 persoas, entre alumnos e colaboradores externos, pero só contan con dous destas prazas. O problema remóntase ao curso 2014-2015 e desde entón foi agravándose polo aumento de solicitantes con dereito ao servizo de comedor. Por iso é polo que o consello escolar adoptase , hai uns días, o acordo unánime de substituír o menú habitual dos venres por bocadillos, a partir do día 3 de febreiro.
A dirección do centro convocou aos pais dos usuarios do comedor para explicarlles a situación. Hai días en que os profesores teñen que axudar a preparar a comida ante a sobrecarga de tarefas que soportan as dúas traballadoras, «que se multiplica cando unha delas falta por enfermidade ou por outro motivo», como constatan desde a Asociación de Nais e Pais de Alumnos (AMPA) Picapeixe. Docentes e proxenitores inciden en que esta situación repercute na calidade do servizo, orixinando atrasos na saída dos nenos e obrigando mesmo, algún día, a improvisar menús ante a ausencia non prevista dalgunha das encargadas da cociña.
O colectivo de pais prepara un modelo de instancia para que os afectados, a título persoal, «poidan esixir á Consellería de Educación o cumprimento da legalidade establecida». Desde o AMPA lembran que en xaneiro de 2015 enviaron un escrito á xefatura territorial de Educación para solicitar un aumento do persoal de cociña, acorde coa cociente que estipula a normativa en vigor. «Contestáronnos que trasladarían a petición á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para que a teñan en conta en futuras modificacións da relación de postos de traballo», aseguran.
Pero nada cambiou desde entón, como corroboran os responsables do centro educativo cedeirense. AMPA e Concello estudan posibles medidas adicionais á protesta do bocadillo que comezará o venres.
Fonte: La Voz de Galicia
Pode consultar a nova na seguinte ligazón: