Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CLUB DE REMO DE CEDEIRA DARÁ ESTE SÁBADO O PREGÓN QUE INAUGURA OS SETE DÍAS DAS FESTAS DA PATROA

Deportistas do Club de Remo Cedeira inaugurarán este sábado, co pregón que pronunciarán ás 20.30 horas na praza do Concello (retrasouse media hora respecto ao anunciado inicialmente), o programa de Festas da Patroa. O preámbulo será mañá a Carreira Popular, unha cita xa tradicional no verán cedeirés e marcada polo seu carácter lúdico e non competitivo. A saída tomarase ás 17.30h desde a praza Roxa, onde se poderán realizar as inscricións e retirada de dorsais desde as 16.30h.

O pregón das Festas da Patroa, o sábado, contará coas verbas do equipo do Club de Remo e coa música da asociación cultural Buxainas. A troula soltarase despois, a partir das 22.30 horas na praza Roxa co Entroido de Verán e Festa da Escuma, amenizadas pola Discomóbil CDC.

As Festas da Patroa prolongaranse ata o 17 de agosto e haberá actividades e propostas todos os días. Este domingo día 11, será o día dos Xogos Populares, outro evento que adoita xuntar moita xente. A partir das 18.00 horas os equipos participarán en probas de tirada de corda, carreiras de ovos e de sacos, na regata de chalanas e na carreira das reviravoltas. Os xogos están abertos a maiores de 14 anos e a inscrición realizararse desde unha hora antes do inicio. Repartiranse 900€ en premios.

O domingo,segunda xornada dos festexos, desenvolverase tamén a primeira das verbenas nocturnas. O Grupo Claxxon ofrecerá a partir das 22.30 horas, na praza Roxa, o seu poderoso directo nun percorrido polo pop-rock desde os anos 70 ata a actualidade.

A actividade do luns 12 comezará ás 20.00 horas co espectáculo “Laisse moi” da compañía Collectif Primavez. Será na Praza Floreal, espazo no que os artistas sorprenderán ao público coa súa mestura de danza e acrobacias en mástil chino. A partir das 22.30 horas, o foco das festas estará de novo na Praza Roxa, onde o grupo Black Bigstage tocará versión de grandes artistas como Aretha Franklin, Otis Redding o Steve Wonder e outras grandes voces da música negra.

A praza Floreal acollerá o martes 13, ás 20.00 horas, o espectáculo de circo e danza “361º”, de Proyecto Tránsito. Pola noite, a partir das 23.00 horas actuará a orquestra Paris de Noia na praza da Revolta.

O espectáculo “De Vilatriste a Vilalegre”, coprodución do Centro Dramático Galego e Teatro Ó Cubo, abrirá o programa do mércores 14, ás 20.00 horas na praza Floreal. Será unha nova cita dirixida ao público familiar, nesta ocasión co teatro actoral e de marionetas como principais ingredientes. De novo haberá verbena nocturna, ás 22.30 horas na praza Roxa, coas orquestras Los Satélites e Origen.

A actividade do Día da Patroa, o 15 de agosto, comezará ás 12.00 horas cunha misa cantada pola Coral Eixil. Ás 13.30 hora, na praza Roxa, a Banda de Música Vila de Cedeira encargarase de amenizar a festa cun concerto e xa pola noite, a partir das 22.30 horas de novo na Praza Roxa, o Grupo Bomba e a orquestra Finisterre poñerán o colofón musical a unha xornada que incluirá, ás 00.00 horas, unha sesión de fogos artificiais.

O venres 16, á misa prevista para as 11.00 horas seguiralle a tradicional procesión marítima, que contará coa participación da Banda de Música Vila de Cedeira. Ás 22.30 horas, na Praza Roxa, vivirase unha das actuacións máis especiais dos festexos deste ano coa actuación de Guadi Galego. A cedeiresa, unha das artistas máis relevantes da escena galega actual, tocará na casa para deleitar ao público con algúns dos temas máis coñecidos do seu repertorio, entre os que non faltará o dedicado á súa vila, “Cedeira”. A artista vén de sumar o pasado mes de maio un novo premio á súa traxectoria musical, ao acadar o Premio Martín Códax da Música á Mellor Canción de Autora na edición de 2024 (galardón que xa conseguira en 2016, na mesma categoría, e en 2020 na categoría de Pop Indie). Guadi Galego compartirá concerto coa banda Xangai, grupo do que forman parte nomes imprescindibles da música galega e do movemento de rock bravú.

Cedeira despedirá as Festas da Patroa coa tradicional Xira en San Antón de Corveiro, romaría que reúne cada ano á veciñanza e visitantes asiduos da vila coas súas merendas, nunha xornada sempre chea de ledicia e diversión que remata co que para moitos é o momento máis emotivo destas celebracións patronais: a baixada co solpor, cando todos e todas xuntas cantan acompañadas do son das gaitas ao paso por lugares emblemáticos como é o barrio de Crónicas, onde se fai unha homenaxe multitudinaria á Cedeira máis mariñeira. Chegará a continuación a última cita musical das Festas da Patroa, de novo no escenario da praza Roxa, a partir das 22.30 horas, coa actuación da orquestra La Ocaband.